Os diagnósticos tardíos continúan a ser o problema da Sida na Galiza

Cándida Álvarez (á dereita) durante a súa intervención en outubro no congreso galego sobre a Sida (Foto: Agavih).
Coincidindo co Día Mundial da Loita contra a Sida a Asociación Galega de pacientes Afectadas e Afectados polo VIH (Agavih) valora o esforzo do persoal sanitario e demanda máis postos nos hospitais. Ademais, apuntan que nunha parte da poboación prosegue a estigmatización en relación ao VIH.

O Día Mundial da Loita contra a Sida, que se conmemora esta quinta feira, lembra cada ano a situación dunha enfermidade que aínda non conta cunha solución médica mais pode ser controlada con tratamentos para minimizar os seus efectos.

A Xunta da Galiza presentará os datos no seu informe anual correspondentes o 2021 e entidades como a Asociación Galega de pacientes Afectadas e Afectados polo VIH (Agavih) organizará un acto na Casa da Cultura de Vigo.

A presidenta de Agavih, Cándida Álvarez Fernández, explica a Nós Diario que de “entre os 4.000 novos diagnósticos positivos anuais que se realizaron a nivel do Estado español, o 5% están na Galiza e deles o 48% son tardíos”. Os casos, segundo a responsábel desta ONG, “non descenderon desde 2012 e, coa chegada da pandemia da Covid-19, o certo é que quedaron un pouco esquecidos”. 

Porén, sinala que non todo é negativo. “Case chegamos ao obxectivo da ONU para rematar coa pandemia do VIH, a tuberculose, a malaria e as enfermidades tropicais conseguindo que a poboación infectada estea nun 95% diagnosticada, nun 95% desa porcentaxe co tratamento retroviral e nun 95% coa carga viral suprimida”, apunta. 

A nivel galego, desde esta entidade indican que se chegou ao 97% de persoas en tratamento, o 95% con carga viral indetectábel mais “quedámonos no 83% de persoas diagnosticadas polo que hai na poboación entre un 15% e un 20% que ten VIH e non o sabe”.

Esta situación, segundo Álvarez Fernández, “é o que provoca os diagnósticos tardíos ademais de poder transmitir o virus sen sabelo”. 

Falta de persoal

En relación ás accións que se levan a cabo para minimizar as consecuencias deste virus, desde Agavih sinalan que se fai prevención desde as ONG e do propio Plan da Xunta, ademais de contar con material informativo que empregan a diario.

Sobre o funcionamento na sanidade pública, cren que “está ben no que son os diagnósticos, tratamentos e seguimento médico, mesmo naquelas persoas que están en situación documental incerta”.

Para a responsábel de Agavih, a situación non é negativa “grazas ao esforzo das e dos profesionais sanitarios das consultas do VIH dos hospitais, enfermeiras e médicos, que seguen asumindo ese traballo xunto cos laboratorios e coas farmacias, sen contar con máis medios humanos”. Por este motivo, pensa que “debe mellorar, son consultas de moitos pacientes diarios e deberían contar con máis persoal”. 

A estigmatización da Sida que non cesa

Desde a súa aparición nos 80, a expansión da Sida levou consigo a estigmatización na sociedade das persoas que o tiñan. Na actualidade a situación mudou mais continúa nalgúns casos. “Hai de todo, desde persoas que viven o feito de ter VIH como algo natural, como é o meu caso”, afirma a responsábel de Agavih, “e visibilizámolo por considerar que é igual a dignidade, ao ser visíbel o estigma perde forza”, engade.

En opinión de Álvarez Fernández “mellorou a situación  mais falta moito”. Pon como exemplo os atrancos que teñen as persoas con VIH cos seguros médicos, onde seguen a estar vetadas, e que "un 6% da poboación non enviaría as súas fillas e os seus fillos a un colexio con alumnado que teña VIH, por non falar da petición de que esteamos nunha listaxe para decidir se se achegan a nós ou non”.