Opinión

SIDA/AIDS (II)

Recunco en falarlles da sida. Dou conta de estatísticas estarrecedoras. Elas dan luz sobre a discriminación duns colectivos pola súa orientación sexual ou simplemente pola miseria en que viven ou traballan. Hoxe, no mundo desenvolvido mais tamén nos países en vías de desenvolvemento (eufemismo para non chamarlles ‘pobres’, ou ‘esquilmados’, ou ‘colonizados’), o risco de contraer a SIDA é 30 veces maior entre as/os traballadores do sexo, 29 veces maior entre xente que se inxecta drogas; 26 veces maior entre homes que teñen sexo con outros homes (aínda que non se definan como homosexuais) e 13 veces maior entre os membros do colectivo transxénero. 

Quer os contaxios, quer as mortes diminuíron dende o pico da doenza en 2004, mais en 2019 aínda morreron 690.000 persoas como consecuencia directa da infección do VIH e o desenvolvemento da SIDA. Hoxe a meirande parte dos novos infectados e dos mortos corresponden a países con sistemas sanitarios deficientes e economías vulnerábeis (saiban que eu tamén son bo en eufemismos). Nestes case 40 anos só se reportaron tres curacións (si, leron ben 3, así en cifra dos 76 millóns de infectados). 

A procura da vacina freou, as axudas á investigación mirraron e as declaracións públicas desapareceron. En resumo, as sociedades ricas poden pagar o tratamento paliativo (que non cura), e os pobres seguen caendo como moscas. Entrementres, as farmacéuticas manteñen un negocio lucrativo con decenas de millóns de doentes seguindo un tratamento caro. Hipocrisía. Non, ho, a realidade que é así tráxica e inxusta. 

Van seguir os obxectivos marcados para o futuro inmediato: a) Renovar a loita para acabar coa sida; b) Asegurar a atención ininterrompida dos doentes con VIH; c) Involucrar e protexer o persoal de enfermería e obstetricia e os axentes de saúde comunitarios e d) Dar unha atención prioritaria aos grupos vulnerábeis –mocidade e grupos de poboación específicos. 

Contamos para iso coa inestimábel axuda dos nosos políticos no parlamento, non si?

Comentarios