Resoltos 17 expedientes de parques eólicos no que vai de ano: estes son os proxectos autorizados

Green Capital Power obtivo seis resolucións favorábeis e dúas negativas no que vai de ano. (Foto: Nós Diario)
A próxima semana caduca o prazo para rematar a tramitación ambiental de até 140 proxectos, máis da metade xa resoltos.
  1. Parques eólicos autorizados
  2. Parques eólicos rexeitados

O tempo aprema e o Goberno galego segue a pisar o acelerador para resolver os expedientes de 140 parques eólicos que caducarán a próxima semana se Medio Ambiente non se pronuncia a respecto da súa viabilidade ambiental. Segundo afirmaba esta terza feira a conselleira do ramo, Ángeles Vázquez, xa foron resoltas cando menos 82 tramitacións, boa parte delas entre o remate do pasado ano e a entrada do presente.

De feito, o portal da Consellaría dá conta nestes momentos de até 17 declaracións de impacto ambiental (DIA) emitidas só desde o 1 de xaneiro, dúas delas, as correspondentes aos proxectos Seselle, de Galenergy, e Neboada, de Maia Directorship, recolleunas esta cuarta feira o DOG, namentres as quince restantes aparecen reflectivas no Diario desta xornada. En total, trece foron aprobadas e só catro rexeitadas, que suman —as que contan co visto bo— 82 aeroxeradores e unha potencia instalada de 371,75 MW.

Parques eólicos autorizados

Monte Inxerio

A comarca de Ordes concentra a maior parte dos proxectos autorizados por Medio Ambiente no que vai de ano, a comezar polo denominado Monte Inxerio. Trátase dunha iniciativa de Green Capital Power —empresa obxecto doutras cinco DIA favorábeis a maiores neste período e outras dúas negativas— nos termos municipais de Cerceda e Ordes. Prevé instalar once aeroxeradores cunha potencia total instalada de 38,115 megawatts (MW).

Solpor

Tamén afecta o municipio de Ordes, así como Mesía, o parque eólico Solpor, proposta de Green Capital conformada por cinco máquinas e 24 MW de potencia.

Reboiro

Os once muíños que dan forma ao parque eólico Reboiro, de 49,5 MW de potencia e situado entre Baralla, Castroverde e O Corgo, constitúen outra das propostas empresariais de Green Capital autorizadas por Medio Ambiente.

Legre

"Sen Legre, veciños A-Legres" é o lema que popularizou o colectivo veciñal que durante os últimos anos mantivo unha forte oposición contra estoutro proxecto de Green Capital Power, que agora conta con luz verde por parte de Medio Ambiente. Consta de sete aeroxeradores e até 37,95 MW.

Penas Boas

Só o parque eólico Penas Boas quedaba pendente de resolver a tramitación ambiental dentro do 'macrocomplexo' proxectado no monte do Gato, dentro da reserva da biosfera das Mariñas-Mandeo —esta central eólica afecta nomeadamente Aranga e Oza-Cesuras—. E esta iniciativa de Greenalia —que no que vai de 2023 recibiu a maiores dúas DIA negativas e outras dúas favorábeis— obtivo o permiso ambiental canda O Gato, Felga —ambos os dous desta mesma compañía—, Feás e Seselle —de Galenergy—, namentres o único desautorizado neste lugar foi o denominado Fontella —tamén de Galenergy—, por situarse concretamente na 'zona núcleo' da reserva da biosfera. O parque Penas Boas conta con catro muíños e 16,8 MW.

Chao do Marco

Enel Green Power, a división de renovábeis da multinacional enerxética Enel, iniciou a tramitación do parque eólico Chao do Marco en 2012, mais ficou paralizado nun caixón durante unha década, até que o rescatou o pasado verán. Está formado por oito turbinas cun total de 48 MW que se emprazarían no concello de Becerreá.

Coto Loureiro

De Adelanta Corporación S.A., empresa radicada en Ourense, é o parque Coto Loureiro, que se situaría entre os municipios da Laracha e Cerceda e que busca a instalación de catro turbinas eólicas que sumarían unha potencia de 50 MW, o límite exacto para tramitar o proxecto perante a Xunta da Galiza e non pola vía do Goberno español.

Carboeiro

O parque eólico Carboeiro sumará oito aeroxeradores, cunha potencia total de 36 MW, aos concellos da Laracha, Arteixo e Culleredo. É outra das iniciativas de Green Capital aprobadas pola Consellaría.

Zamorra

E de novo Green Capital Power é o promotor dun dos proxectos autorizados no que vai de ano: o denominado Zamorra, que busca erguer sete turbinas cunha potencia de 31,5 MW en Agolada.

Suime

Detrás do parque eólico Suime áchase Greenalia, cuxo obxectivo a través desta proposta é situar catro muíños, con 26,4 MW, en Rodeiro.

Rodicio II

Medio Ambiente outorgou unha DIA favorábel ao proxecto de Greenalia denominado Rodicio II, entre Maceda e Montederramo, conformado por tres aeroxeradores e 13,5 MW.

Parques eólicos rexeitados

Rodicio

Non correu a mesma sorte que o parque eólico Rodicio II o que o debería preceder, o denominado Rodicio, de oito turbinas e 50 MW —o límite para tramitalo perante a Xunta— e presentado pola mesma compañía, Greenalia, tamén en Maceda e Montederramo, no que diferentes colectivos ecoloxistas viron como un caso de "fragmentación artificial" dun único proxecto. Estoutro foi rexeitado pola Consellaría entendendo que as medidas propostas pola enerxética para mitigar o "significativo impacto" destas instalacións sobre o medio natural resultaban insuficientes.

Cabanelas

Tamén recibiu a DIA desfavorábel o parque eólico Cabanelas, retramitado por Greenalia após quedar aparcado nun caixón durante a última década tras iniciar os trámites a empresa Sistemas Energéticos Cabanelas, S.A.U. Constaría de catro aeroxeradores e 18 MW, entre Cerdedo-Cotobade, A Estrada e Forcarei.

Barrosino

No concello da Baña non se situará finalmente, ou cando menos polo de agora, con base no informe negativo que vén de emitir a Consellaría, o parque eólico Barrosino, unha iniciativa de Green Capital que prevía situar tres turbinas cunha potencia de 13,5 MW.

San Cosmeiro

Finalmente, tampouco obtivo o permiso ambiental o proxecto denominado San Cosmeiro, da mesma compañía (Green Capital), que buscaba instalar entre Mazaricos e Outes oito aeroxeradores que sumarían 36 MW instalados.