Día do Naturalismo Galego

Ecoloxistas denuncian a "preparación" dun "crime perfecto" fronte ás costas galegas coa eólica mariña

Unha bandada de gaivotas fronte a un parque de eólica mariña nos Países Baixos. (Foto: Gigra)
"En aplicación do principio de 'primeiro, investigación, e despois, ordenación', o POEM debería plantexar estudos e prudencia, e non situar esas 'Zonas potenciais para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña' en lugares cuxa importancia para as aves podemos certamente supor á vista dos resultados das investigacións", advirten.

O movemento ecoloxista celebra esta quinta feira, 9 de marzo, o primeiro Día do Naturalismo Galego coincidindo coa data de nacemento do Padre Martín Sarmiento, "un dos primeiros naturalistas da Galiza". As entidades promotoras desta efeméride —Adega, Verdegaia, SGO, SGHN, FEG e GN Hábitat— poñen o foco nesta edición inicial no "crime perfecto fronte ás costas galegas" que, aseguran, está a artellarse no marco da zonificación da eólica mariña dentro dos plans de ordenación do espazo marítimo (POEM).

"A área mariña fronte ao noroeste da Península Ibérica é de extraordinaria importancia, a nivel europeo, atlántico e mesmo global, como corredor migratorio e zona de invernada para centos de milleiros de aves mariñas de ducias de especies. Ademais, é sobrevoada por enormes cifras de aves non mariñas en migración, frecuentemente nocturna, entre o oeste de Iberia, o norte de Europa, Groenlandia ou Canadá", alertan, en relación ao relevante peso da eólica nas augas galegas, que concentran case a metade de todas as áreas designadas para esta industria a nivel estatal.

O mar fronte á Galiza, inciden, é "un dos embudes de paso de aves de maior responsabilidade conservacionista do denominado 'East Atlantic Flyway' [Ruta do Atlántico Oriental]", isto é, o roteiro migratorio das aves que dúas veces ao ano voan desde o oeste de África cara ao norte de Europa. Os ecoloxistas advirten que, se ben "grazas ao traballo dos naturalistas" hoxe temos información abonda sobre as aves que voan próximas á liña de costa, "sábese aínda moi pouco sobre a importancia que teñen as augas exteriores [a máis de 14 millas do litoral] tanto para aves mariñas como non mariñas", e nese punto é onde se comezarían a instalar os aeroxeradores.

"Cómpre ter en conta que as aves no océano son nómades, pois a súa distribución depende de múltiples factores estacionais, meteorolóxicos e outros, que afectan ademais de forma diferente a cada especie", salientan. As Zonas de especial protección para as aves (ZEPA) das que dispón a costa galega —catro perto de terra e unha en augas exteriores— son, a ollos destes colectivos, "insuficientes para protexer todo o Corredor Migratorio Mariño próximo á costa".

Ven un "gravísimo erro" nos POEM porque "obvia o principio de precaución" ao autorizar nesas augas exteriores catro zonas para o desenvolvemento da eólica mariña, unha delas a de maior tamaño de todo o Estado. As situadas no norte do país, denuncian as naturalistas, "están xusto nun estreito corredor que quedou sen protexer entre a ZEPA que protexe o entorno de Estaca de Bares e a zona ao norte deste mesmo cabo que o propio POEM recolle como 'Zona de alto potencial para a conservación da biodiversidade'".

"En aplicación do principio de 'primeiro, investigación, e despois, ordenación', o POEM debería plantexar estudos e prudencia, e non situar esas 'Zonas potenciais para o desenvolvemento da enerxía eólica mariña' en lugares cuxa importancia para as aves podemos certamente supor, á vista dos resultados das investigacións desenvolvidas tanto no Banco da Galiza (ZEPA) como nesa zona ao norte de Estaca de Bares", argumentan.

É por iso que consideran un "crime perfecto" a aprobación dos POEM. "Está ben documentado que o risco de colisión de aves contra as turbinas eólicas é maior nos lugares con gran número de aves migradoras que, ademais, xunto coas invernantes presentan maiores taxas de mortalidade que as aves residentes", afirman.

Porén, a letalidade das máquinas será difícil de probar, pois, lamentan, "non haberá testemuñas incómodas para as grandes corporacións enerxéticas. Coa excepción dun par de ONG internacionais, ningunha asociación dispón dos medios humanos, técnicos e económicos para facer eses estudos en alta mar".

Lembran tamén que a Directiva de Aves estabelece que serán obxecto de medidas especiais en canto ao seu hábitat "as outras especies migratorias de chegada regular, tendo en conta as necesidades de protección na zona xeográfica marítima e terrestre no relativo ás súas áreas de reprodución, muda, invernada e descanso nas súas áreas de migración", polo que urxen reverter o proceso e paralizar o desenvolvemento da eólica no mar até dispor dun "completo estudo previo da distribución estacional das poboacións das diferentes especies de aves mariñas" presentes no lugar.