Saúde

Día internacional da epilepsia: estes son os síntomas e os factores de risco dunha doenza que pode afectar a calquera idade

Aínda hoxe, en demasiados casos, o diagnóstico baséase no relato de testemuñas das crises, afirman desde a SEN. (Foto: Nós Diario)
Perto de 27.000 galegos e galegas sofren epilepsia, unha enfermidade heteroxénea que non se desenvolve en cada persoa da mesma forma.

Máis de 50 millóns de persoas padecen epilepsia en todo o mundo, segundo datos da OMS, sendo un dos trastornos neurolóxicos máis comúns. Perto de 80% das persoas doentes viven en países de ingresos "baixos ou medianos", precisa a organización dependente da ONU, se ben outros territorios como a Galiza non son alleos a esta enfermidade. No noso país son unhas 27.000 persoas.

Esta segunda feira, con motivo do Día Internacional da Epilepsia, a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) verte algo de luz sobre a doenza no marco dunha conmemoración que ten por lema 'Dá un paso adiante contra o estigma da epilepsia'. Trátase, explican as persoas expertas, dunha patoloxía caracterizada por unha actividade eléctrica anormal no cerebro que provoca convulsións, comportamentos e sensacións inusuais, ou mesmo episodios de alteración da conciencia.

No conxunto do Estado español, segundo datos da SEN, afecta unhas 400.000 persoas e é a terceira enfermidade neurolóxica máis frecuente en persoas anciás e o trastorno neurolóxico máis frecuente en crianzas. "Aproximadamente, en dous terzos dos casos a enfermidade contrólase de forma axeitada con medicación. Actualmente dispomos de fármacos de moi boa tolerabilidade e cómodos de utilizar polo paciente, o que mellora a adherencia ao tratamento e a súa resposta ao mesmo", sinala o coordinador do Grupo de Estudo de Epilepsia da SEN, Juan José Poza.

Neste senso, o experto destaca que o desenvolvemento de técnicas cirúrxicas e de neuroestimulación, así como de novos fármacos dirixidos especificamente a esta poboación, abre unha porta á esperanza para estes pacientes con epilepsia farmacorresistente. "En calquera caso, os casos graves, nos que habitualmente se combina epilepsia con discapacidade intelectual, representan unha das principais causas de discapacidade neurolóxica", engade.

Un aspecto fundamental para o tratamento da epilepsia é a diagnose precisa da enfermidade e que se realice cando antes. Desde a SEN considérase "imprescindíbel" que se asente nun test diagnóstico positivo, principalmente tras realizar unha monitorización vídeo-EEG prolongada, dun ou varios días.

"Por desgraza, o acceso a esta técnica diagnóstica é limitado en moitas rexións. Aínda hoxe, en demasiados casos, o diagnóstico baséase no relato de testemuñas das crises e cando, tras o fracaso de varios ensaios terapéuticos, hai unha axeitada monitorización nunha unidade de epilepsia, arredor de 20% dos pacientes derivados para valoración de cirurxía por sufrir epilepsia farmacorresistente non teñen realmente epilepsia ou sofren unha síndrome epiléptica diferente á que se sospeitaba, e están tratados de forma inadecuada", lamenta Poza.

Ademais, a epilepsia é a segunda causa de atención neurolóxica en Urxencias. "A máxima 'tempo é cerebro', que tradicionalmente se aplicou ao ictus, tamén debe aplicarse á epilepsia. Para iso, consideramos fundamental a implantación dun código crise que, de forma similar ao 'código ictus', permita unha coordinación dos servizos de Urxencias extra e intrahospitalarios. Así conseguiremos unha atención axeitada e precoz das crises epilépticas, especialmente das potencialmente graves, que poden desembocar nun status epiléptico. Non podemos esquecer que o status epiléptico é unha emerxencia neurolóxica que require dunha atención inmediata, porque a súa mortalidade é moi alta", asegura o experto.

Con frecuencia a epilepsia asóciase a outras enfermidades, tanto físicas como psiquiátricas. Depresión (23%) ou ansiedade (20%) destacan entre as afeccións psiquiátricas máis frecuentes, mentres que cefaleas, problemas cardíacos e dixestivos, artrites, demencia, tamén afectan en maior medida as persoas con epilepsia. Nas crianzas, a discapacidade intelectual é a afección comórbida máis frecuente (30-40%).

En todo caso, hai que ter en conta que é unha enfermidade moi heteroxénea, de modo que as comorbilidades van variar dependendo do tipo de epilepsia. "Aliás, outro dos principais problemas que deben afrontar os pacientes con epilepsia é o rexeitamento social que carrexa a enfermidade. Polo menos 25% da poboación adulta que padece epilepsia sofre discriminación. Crenzas erróneas sobre que a epilepsia pode ser unha enfermidade contaxiosa ou o temor polo descoñecemento social que aínda existe sobre esta enfermidade adoitan ser as causas da estigmatización que padecen moitos pacientes", salienta Poza.

Aínda quedan por determinar outros moitos factores que tamén poden influír na súa orixe

Esta enfermidade, afirma, pode aparecer a calquera idade e, malia que no seu desenvolvemento parecen estar implicados diversos factores xenéticos e metabólicos, aínda quedan por determinar outros moitos factores que tamén poden influír na súa orixe. En todo caso, determináronse certos factores de risco que, se se preveñen ou se abordan de forma correcta, poderían axudar a previr cando menos 25% dos casos de epilepsia.

"Un maior control sobre a saúde materna e neonatal, sobre certas enfermidades transmisíbeis —como as meninxites bacterianas ou as encefalites víricas—, así como previr traumatismos cranioencefálicos ou problemas vasculares, son medidas que poderían axudar a reducir significativamente o número de casos. Pero a mellor prevención, en realidade, baséase en levar unha vida sa, cunha dieta axeitada, evitando o sedentarismo, promovendo a actividade intelectual e social e respectando os ritmos biolóxicos que axudan a manter unha boa calidade de soño", conclúe o experto en neuroloxía.