Un día despois do comezo da desescalada, Galiza baixa dos 6.000 casos activos

Cribado en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Descenden no país o número de casos activos, 5.900, e os hospitalizados, 533.

Un día despois de comezar a desescalada das restricións na hostalería e a mobilidade municipal, os datos da pandemia na Galiza seguen reflectindo a continua baixada das hospitalizacións. En concreto, hai 533 ingresados con Covid en total –31 menos que 24 horas atrás– , dos que 114  están en unidades de coidados intensivos (UCI),tres menos.

Ademais, de acordo cos datos publicados hoxe pola Consellería de  Sanidade, os casos activos caeron das 6.000 persoas, até situarse en 5.900, cifra máis baixa desde o 4 de xaneiro. Con todo, os novos casos de Covid detectados por calquera tipo de probas mantéñense no mesmo número do día anterior: 272.

No respecto a presión hospitalaria, soa a área sanitaria de Vigo rexistrou nas últimas horas un lixeiro ascenso dun caso, até o total de 69 hospitalizados. Deles, seguen sendo 16 os que están en coidados intensivos.

En canto ao resto de áreas, todas diminuíron a cifra de ingresados. A da Coruña-Cee segue sendo a de maior presión, cun total de 177 hospitalizados –baixan en 10–, dos que 40 –dous menos– están na UCI.

Seguen á coruñesa a área de Ferrol, con 75 ingresados – tres menos –, 10 deles, os mesmos ca onte, en críticos; e a de Santiago-Barbanza, con 74 hospitalizados –cinco menos–, 17 deles en coidados intensivos, tamén igual que na xornada de onte.

A área de Pontevedra-O Salnés conta con 57 hospitalizados –menos seis–, dos que están na UCI 17 –menos un–; Ourense-Verín-O Barco ten 43 –menos seis–, cinco deles en críticos; e a de Lugo-A Mariña-Monforte baixou a 38 os ingresados totais –dous menos–, con 13 en coidados intensivos, tres menos ca onte.

 

Descenden os casos activos

Os casos activos proseguen a tendencia descendente até situarse en 5.900, o que supón 373 menos. Todas as áreas sanitarias continúan en caída e soamente a da Coruña-Cee supera o milleiro.

Con todo, a coruñesa experimentou nos datos deste sábado unha caída de 129 pacientes que lle permitiu baixar do total de 2.000, ata situarse nos 1.890. Séguelle a de Vigo, con 945 casos, Pontevedra-O Salnés, 842; a de Santiago-Barbanza, 645; Ferrol, a 621; Lugo-A Mariña-Monforte, 591; e a de Ourense-Verín-O Barco, con 366.

Tamén os últimos datos actualizados reflicten unha estabilización nos novos contaxios, nas últimas horas confirmáronse 272 novos positivos, mesma cifra que na xornada anterior. Na área sanitaria da Coruña, nas últimas 24 horas detectáronse 110 positivos; en Vigo, 46; Pontevedra, 43; Lugo suma 23 positivos; Ourense, 20; Santiago, 17; e a de Ferrol,  13 novos casos.

Ata a data as persoas que se contaxiaron de covid-19 en Galicia ascenden a 112.310. A área da Coruña-Cee foi a máis afectada, con 26.755 infectados desde o inicio da pandemia. Vigo acumula 21.122; Santiago-Barbanza, 17.941; Ourense-Verín-O Barco, 14.528; Pontevedra-O Salnés, 12.327; Lugo-A Mariña Monforte, 11.686; e Ferrol, 7.951.

Nos casos relacionados cos centros educativos, a día de hoxe 1063 persoas están contaxiadas do virus e 31 aulas foron fechadas, mais ningún colexio está fechado. 

Nas residencias de maiores, os casos activos descenderon até os 50, segundo os datos que a Xunta publicou na xornada de hoxe. A residencia con máis anciás contaxiadas é a de DomusVi Laranxe, con 21 casos. Tamén baixan os casos entre as traballadoras destes centros, até os 19 e nos centros de atención a discapacidade mantéñense os 10 usuarios con Covid.

Máis sete pasamentos

Sanidade realizou até a última actualización de datos 1.660.450  PCR. Isto implica que, entre as 18,00 do xoves e as 18,00 do venres practicáronse 5.775 probas, ao redor de 1.200 menos que a xornada inmediatamente anterior.

En canto á taxa de positividade --porcentaxe de infeccións por test  PCR realizados-- ha  repuntado ata o 4,7%, aínda que se mantén lixeiramente debaixo dese 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como máximo para dar por controlada a pandemia.

Desde o inicio da pandemia, 2.220 persoas faleceron en Galicia tras ser diagnosticadas con coronavirus, despois de notificar Sanidade na noite desta sexta feira a morte doutras sete persoas.