17-M DíA CONTRA A LGTBIFOBIA

Un día para combater a discriminación á diversidade

Fotografía do I Concurso fotográfico LGTBi de GalizaNova

Galiza avanzou lexislativamente no recoñecemento e protección da diversidade porén, continúan a rexistrarse agresións.

O 17 de maio conmemórase o Día Internacional contra a LGTBifobia coincidindo coa supresión da homosexualidade da Clasificación Internacional de Doenzas (código 302.0) elaborada pola OMS na que, no entanto, se mantén a transexualidade como 'trastorno'. Nos últimos anos, Galiza avanzou na creación dun marco regulador que visa recoñecer a diversidade das identidades sexuais e de xénero para alén de educar e sensibilizar socialmente. Porén, tamén continúan a se rexistrar agresións como a acontecida nun estabelecemento comercial de Compostela en febreiro deste ano. 

A transexualidade aínda está recollida pola OMS como un 'trastorno'

En conversa con Sermos Galiza, R.B., compañeiro do agredido A.R., aseguraba na altura que se está a producir un "repunte" das agresións como resultado dun "importante retroceso" que atribuíu en boa medida a mudanzas legais que non supuxeron mudanzas culturais, sociais. "Aínda hai unha cuestión cultural que fai crer que podes pegar a un marica ou un gordo sen que pase nada, a xente non se actualiza como un software", aseguraba. 

Delitos de odio

Así as cousas, moitas agresións e casos de discriminación continúan sen ser denunciados. Segundo os dados oficiais recollidos polo Ministerio de Interior na Galiza contabilizáronse en 2015, 64 delitos de odio dos que 4 terían sido considerados por razóns de orientación sexual e identidade de xénero.  

No conxunto do Estado español, producíronse 1.328 delitos de odio dos que 169 foron por orientación sexual ou identidade de xénero. Unha cifra que se reduciu notabelmente a respeito do 2014 no que o número ascendía a 513. 

A disriminación por razón de orientación sexual é percibida socialmente como algo extendido

No entanto, socialmente continúa a se percibir a discriminación por orientación sexual e identidade de xénero como algo extendido. Segundo o Eurobarómetro, máis da metade da poboación da UE (58%) coida que estas actitudes son habituais unicamente superadas polo racismo. 

Perante esta realidade na Galiza foise avanzando lexislativamente no recoñecemento da diversidade sexual e de identidade de xénero tornándose no primeiro territorio do Estado español en aprobar unha lei contra a LGTBifobia que, no entanto, foi criticada polos colectivos LGTBi ao non recoller un capítulo de sancións que punan a discriminación ou agresión por razón de identidade de xénero e orientación sexual no deporte, as empresas ou o ensino. Aliás, deixa en mans da Valedora do Pobo o control e seguimento de posíbeis incumprimentos legais, algo que os colectivos achan insuficiente. 

Educar

Fronte ás agresións e co obxectivo de sensibilizar e educar na diversidade a Xunta de Galiza presentou, através da Consellaría de Educación, unha campaña dirixida aos centros de ensino baixo o lema 'Eu respecto'. En total, cinco mil cartaces que apenas se diferencian de calquera outro asunto polas cores da bandeira do orgullo e o título da Lei 2/2014 pola igualdade de trato e non discriminación, serán repartidos en escolas, colexios e institutos. 

Galiza tornouse no primeiro territorio do Estado español en contar cunha lei contra a LGTBifobia mais que non prevé sancións

De novo, colectivos como Ultreia LGTBi ou a Asociación Nós Mesmas criticaban a medida por "non contar" con eles no deseño da mesma. Aliás, desde Arelas aseguraban que era "insuficiente".  "Necesítanse medidas serias e efectivas que traballen na sensibilización e educación no respeto a diversidade para previr e evitar o bulling e transfobia que se da nos centros educativos galegos", apuntaban. 

Tres meses despois, Educación presentou da man de Arelas, o 'Protocolo educativo para garantir a igualdade, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero', un documento que se entregará aos centros educativos de Galiza e que visa ser unha "ferramenta de traballo" a prol dunha "escola inclusiva" asentada no respeito á diversidade. 

Desde a CIG e con motivo do 17 de maio, Día contra a LGTBifobia, reclamaron que este documento "se dote medios que garantan as actuacións de formación e sensibilización relacionadas coa diversidade sexual, xunto coa posta en marcha dun protocolo de prevención, detección e intervención que remate coa discriminación e a transfobia nos centros educativos galegos".