Casais igualitarios, entre o dereito e a persecución

Italia recoñeceu legalmente os casais igualitarios o 11 de maio. No mundo perviven aínda lexislacións moi diversas a respeito da diversidade sexual. 

Esta cuarta feira (11 de maio) o Parlamento italiano aprobou a lei de matrimonio igualitario. Tratábase até o momento do único país da UE que non recoñecía as unións entre persoas do mesmo sexo. A histórica decisión foi apoiada por 369 votos a favor e 193 en contra. 

Italia era o último territorio de Europa Occidental que ficaba por recoñecer este dereito

A lei recoñece a unión civil do que define como "formación social específica" que deberá formalizarse no Rexistro Civil e prevé a asistencia moral e material recíprocas entre o casal, o dereito a pensión, visita hospitalaria e mesmo a posibilidade de adoptaren os apelidos da outra persoa. Porén, o dereito de adopción non se inclúe na norma razón polo que Arcigay, o principal colectivo do país, asegurou que "o copo aínda está medio baleiro" pois "as crianzas non foron convidadas para esta festa", acrecentaron desde Famiglie Arcobaleno. 

Os casais igualitarios na UE 

Nos últimos anos outros países foron avanzando as súas lexislacións en materia de dereitos civís para persoas gais, lésbicas e bisexuais. Porén, no propio seo da Unión Europea a lexislación varía en función dos Estados membros non sendo recollidos no Convenio europeo de dereitos humanos os mesmos dereitos para casais heterosexuais que homosexuais ou lésbicos. De facto, no Convenio aprobado en 1950 recóllese expresamente o dereito de mulleres e homes a contraeren matrimonio a partir da idade considerada legal en cada territorio como un dereito fundamental mais non para persoas do mesmo sexo. 

Polonia, Letonia, Lituania ou Romanía non recoñecen legalmente os casais igualitarios

Neste senso, non todos os Estados membros da UE teñen recoñecido o dereito de unión entre persoas do mesmo sexo. Eis o caso de Polonia, Letonia, Lituania ou Romanía. 

Casar mais non adoptar

Holanda, Bélxica, Estado español, Suecia, Portugal, Dinamarca, Francia, Reino Unido (agás Irlanda do Norte), Luxemburgo, Eslovenia e Finlandia son os países cuxos ordenamentos xurídicos están máis avanzados e en todos eles a adopción para casais do mesmo sexo é legal, o último en se incorporar foi Portugal que aprobou a medida en 2015. 

Pola súa banda, Alemania, Austria, República Checa, Grecia, Estonia, Hungría, Malta, Croacia e agora Italia recoñecen as unións civís ou parellas de feito. Porén, non permite a adopción nen recoñecen todos os dereitos dos que si gozan os casais entre persoas de distinto sexo. 

O Cenesex cubano promove vodas simbólicas na rúa para educar e sensibilizar a poboación

Para alén das fronteiras da Unión a unión entre persoas do mesmo sexo é legal --con distintos graos de recoñecemento-- en Canadá, os EUA, Sudáfrica, Nova Zelandia, Uruguai, Brasil, Colombia, Chile, Ecuador, Arxentina, Islandia e México, neste último caso unicamente nalgúns estados. 

Cuba
En Cuba o Centro Nacional de Educación Sexual (Cenesex), dirixido por Mariela Castro, promoveu unha proposta lexislativa para legalizar a unión entre persoas do mesmo sexo. O presidente do país, Raúl Castro, amosou publicamente o seu apoio á medida porén esta aínda non foi aprobada pola Asemblea Nacional. Así as cousas, o Cenesex organizou vodas simbólicas desde o pasado ano 2015 na propia rúa co obxectivo de comezar a sensibilizar a poboación e promover a legalización das mesmas. 

Pena de morte e persecución
Fronte a esta realidade atópase outra extendida aínda por moitos países do mundo nos que a homosexualidade está punida e perseguida. O extremo atópase en Irán, Mauritania, Arabia Saudita, Sudán e Iemen, así como partes de Nixeria e Somalia, onde está penada con morte. 

En Irán, Mauritania, Arabia Saudita, Sudán e Iemen a condea é a morte

Segundo os dados fornecidos pola Asociación Internacional LGTBi (ILGA) punen con cadea: Marrocos, Arxelia, Tunisia, Libia, Exipto, Senegal, Guiné, Ghana, Camerún, Namibia, Zambia, Zimbabue, Etiopía, Tanzania, Kenia, Uganda, Sudán do Sur, Eritrea, Omán, Turkmenistán, Uzbekistán, Afganistán, Paquistán, India, Birmania, Malasia, Papúa Nova Guinea, Siria, Guaiana, Xamaica e Belice. 

En Rusia, existen leis en vigor que perseguen expresións das persoas LGTBi. Nos demais territorios a lexislación é confusa convivindo leis que castigan a diversidade sexual con outras que recoñecen a liberdade de a expresar.