Dezaseis mariñeiros do cerco afrontan petición de 48 anos de prisión por un protesto en Vigo no 2014

Protesto do sector do cerco. Imaxe: GZcontrainfo

A Fiscalía responsabilízaos de desordes públicas e enfrontamentos coa policía durante unha manifestación na defensa dun reparto xusto para a frota galega das cotas de xarda e xurelo

O 2014 foi un ano de continuas mobilizacións dos cerqueiros galegos (por volta de 120 barcos e mil tripulantes), un sector que saiu á rúa en manifestacións e mobilizacións para protestar por un reparto de cota da xarda e xurelo que consideraban inxusto e discriminatorio para coa frota galega. Por unha desas mobilizacións, que decorreu en Vigo en marzo de 2014, a Fiscalía pide para 16 mariñeiros 3 anos de prisión para cada un, o que supón un total de 48 anos. As citacións recibíronas a finais de 2014 e o xulgado vén agora, segundo informa La Voz de Galicia, de aprazar o xuízo até o mes de xullo.

A Fiscalía acusa os mariñeiros de protagonizar desordes públicas durante esa mobilización, que comezou no Berbés para ir até a sede da Xunta en Vigo. Alí producíronse diversos enfrontamentos e incidentes, que o ministerio público achaca aos cerqueiros, aos que acusa de guindar todo tipo de obxectos contra axentes e edificio, así de queimar unha bandeira da Unión Europea após baixala do mástil onde penduraba.

Para a Fiscalía, os acusados tiñan “clara finalidade de atentar contra a convivencia” e responsabilízaos de causar diversos danos no mobilizario urbano e en vehículos da policía española durante os enfrontamentos que posteriormente tiveron lugar na zona do Berbés.

Multas e detencións

Non son estes os primeiros procesos nos que se ven os mariñeiros do cerco polas mobilizacións na defensa dun reparto xusto da cota da xarda. Até 150 euros de multa por unha falta catalogada como "grave". Esas foron as sancións que impuxo a Subdelegación do goberno español a mariñeiros e armadores do cerco que participaron na manifestación do 6 de marzo en Vigo.

En abril de 2014 a policía española desenvolvía un operativo para deter media ducia de persoas ás que acusaba de tomar parte nos incidentes que decorreron en Compostela en marzo dese mesmo ano nunha mobilización dos mariñeiros do cerco diante do Parlamento de Galiza.