Dez anos da ampliación da Rede Natura: “Galiza, máis desprotexida”

(Imaxe: Adega)
Adega afirma que “unha vez “desactivada” a proposta de ampliación de 2011, moitos dos espazos propostos para integrarse dentro da Rede Natura ficaron desamparados, e foron presa fácil da especulación enerxética e forestal”.

O día 22 de decembro de 2011 saía a exposición pública a última proposta de ampliación da Rede Natura 2000 para Galiza , un día despois de que Samuel Juárez, o daquela conselleiro do Medio Rural, a presentase no Parlamento. Con isto deu comezo o procedemento de ampliación e actualización dos Lugares de Importancia Comunitaria 2000 no noso país. “Curiosamente, Juárez, apenas aguantaría no cargo 13 días máis”, lembran desde Adega, Asociación para a defensa ecolóxica da Galiza.

Naquel texto que agora cumpre unha década dicíase que “a Rede Natura 2000 en Galiza atópase actualmente composta por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA) (…) e 59 lugares de importancia comunitaria (LIC), e que, en conxunto, ocupan unha superficie de 389.737 ha”, e engadía que “a actual lista de lugares de importancia comunitaria (LIC) en Galiza foi considerada como insuficiente por parte da Comisión Europea, polo que é preciso completar a aplicación en Galiza da Directiva 92/43/CEE (…)”, isto é, a célebre Directiva de Hábitats.

Grazas a esta proposta de ampliación, explica Adega nun comunicado, a Rede Natura 2000 de Galiza (LIC+ZEPA) pasaría a ter unha superficie total de 537.416 ha (incremento de 147.851 ha), polo que se pasaría do 12,1% da proposta inicial (ano 1999) ao 15,2% protexido no territorio galego

“Dez anos despois daquel 22 de decembro, as contas que facemos da ampliación de Rede Natura 2000 prometida son: 0 Novos LICs terrestres declarados,  0 LICs terrestres ampliados, 0 Novas ZEPAs terrestres declaradas e 0 ZEPAs terrestres ampliadas: 0”.

“Así pois, a parte terrestre da Rede Natura 2000 en Galiza está, dez anos despois, tal e como se designou orixinalmente e, paradoxalmente, máis desprotexida que nunca”, sosténa asociación.

Adega afirma que “unha vez “desactivada” a proposta de ampliación de 2011, moitos dos espazos propostos para integrarse dentro da Rede Natura ficaron desamparados, e foron presa fácil da especulación enerxética e forestal”

“Como se pode ver no mapa do rexistro eólico de Galiza, moitos dos puntos de novos proxectos coinciden con áreas propostas para a Rede Natura 2000 en 2008 e tamén en 2011, e que agora corren risco de ser invadidos pola actual vaga eólica. Entre os numerosos exemplos atopamos: Cordal de Montouto, Alto Mandeo. Serra da Groba e Altos de Toroña, Noroeste de Valdeorras”.

Paralelamente, denuncia Adega, as plantacións de eucalipto medraron a un ritmo imparábel na metade norte de Galiza nos últimos anos, afectando a espazos que estaban incluídos na proposta de ampliación da Rede Natura en 2008 e tamén en 2011, como por exemplo: Brañas do Deo, Serra da Cova da Serpe, Alto Mera  ou Cabeceiras do Eo e Navia.