Identificacións e detencións nun protesto contra a privatización da sanidade en Ferrol

[Imaxe: Jose Pardo]

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, tivo que saír escoltada por axentes da policía do Complexo hospitalario universitario de Ferrol após unha concentración de traballador@s que defendía o carácter público da sanidade. Dous sindicalistas da CIG foron detidos

 

A responsábel de Sanidade da Xunta de Galiza, Rocío Mosquera, desprazouse esta quinta feira e sen previo aviso até o Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF) onde agardaba ter un encontro coa comunidade sanitaria do hospital. Alí foi recibida entre asubíos por un grupo de traballador@s que denunciou o proceso de privatización da sanidade pública. 

A conselleira, que finalmente conseguiu entrar ao CHUF foi increpada ao berro de "O público é servizo, o privado beneficio". 

A conselleira saíu escoltada por axentes da policía que procederon a identificar boa parte das persoas que se atopaban no CHUF, entre elas doentes

Segundo recollen os medios locais, o persoal sanitario concentrado imposibilitou a saída e Rocío Mosquera ao se mobilizaren no interior do complexo á porta do despacho onde a conselleira procurou acubillo perante a imposibilidade de acceder ao salón de actos no que ía ter lugar a primeira xuntanza.

Detidos dous sindicalistas da CIG

Axentes da policía autonómica, segundo recollen os mesmos medios de comunicación, procederon ao despexo d@s manifestantes sendo detidos dous integrantes da Confederación Intersindical Galega de Ferrol, Rafael Aguirrebengoa, membro da executiva comarcal e Santi Bidueira, delegado sindical. As forzas policiais levaron a cabo a detención após rexeitaren ambos os dous seren identificados. Despois de varias horas retidos en comisaría foron postos en liberdade. 

Asemade, foron identificadas a boa parte das persoas que se atopaban no CHUF, entre elas pacientes. Cuestión que foi denunciada pola central sindical nacionalista. Segundo fontes sindicais "o máis probábel" é que sexan apercibidas cunha sanción administrativa.