Detidos en Colombia os fabricantes do 'narcosubmarino' localizado na Galiza con 3 toneladas de cocaína

Os detidos nun operativo conxunto entre forzas colombianas e a Garda Civil española. (Foto: Armada de Colombia)
A embarcación foi interceptada en 2019 fronte á costa de Aldán, en Cangas.

Un operativo conxunto entre a Armada e o Exército Nacional de Colombia, a Fiscalía Xeral deste país e mais a Garda Civil española levou á desarticulación dunha organización criminal de narcotraficantes especializados na construción de 'narcosubmarinos' para o transporte de cocaína a Centroamérica e Europa. Acúsanos de ser os responsábeis de fabricar a embarcación localizada fronte ás costas de Aldán, en Cangas (O Morrazo) en novembro de 2019, con tres toneladas de cocaína no seu interior.

Segundo informou a propia Armada de Colombia, a actuación enmárcase nos acordos de cooperación internacional do Goberno colombiano e permitiu a detención de 12 persoas, que foron capturadas nos departamentos do Cauca e Valle de Cauca. Esta organización, denominada 'banda Crucero', dedicábase á construción de semisomerxíbeis para transportar clorhidrato de cocaína, especialmente, a portos do Estado español. As autoridades colombianas aseguraron que a organización era "pioneira na migración do fenómeno de construción de semisomerxíbeis" a diferentes países da rexión, entre eles Brasil e Güiana, e tamén o de Aldán, confirmou o comandante de Armada Francisco Hernando Cubides.

Entre as persoas detidas están os xefes do grupo, coñecidos polos alcumes 'Pulga' e 'Iván', que facían de ligazóns internacionais para a construción dos 'narcosubmarinos'. Tamén foi arrestado un individuo coñecido como 'Bernardo', encargado da parte financeira e da comercialización da cocaína con contactos en estruturas narcotraficantes de Europa e Centroamérica.

A organización desenvolvía o seu labor delituoso principalmente no Distrito Especial de Buenaventura, desde onde coordinaban a loxística para trasladar a súa estrutura de construción cara a zonas costeiras de Cauca e Nariño. Alí tiñan instalados os seus estaleiros clandestinos para construír os submarinos ao servizo de diferentes organizacións de narcotráfico.

Os detidos foron postos a disposición da Fiscalía Xeral, que impuxo medidas cautelares de embago e secuestro con fins de extinción do dereito de dominio a 20 dos seus inmóbeis, un local comercial e 15 vehículos, todo iso valorado en máis de cinco mil millóns de pesos colombianos —perto dun millón de euros—. Foron incautados durante as dilixencias xudiciais unha arma de fogo, 16 teléfonos móbiles e 47 millóns de dólares. A Fiscalía colombiana sinalou que o operativo é resultado dun ano de investigación, durante o que se interceptaron cinco 'narcosubmarinos' por parte da Armada, dous deles en augas internacionais, e interviñéronse 4 toneladas de cocaína.

'Narcosubmarinos' na Galiza

En novembro de 2019 foi interceptado fronte a Aldán un narcosubmarino cargado con tres toneladas de cocaína. No operativo policial foron detidos os tres tripulantes da embarcación, así como outras catro persoas vinculadas co transporte da droga e o apoio desde terra. Todos os implicados foron xulgados e, malia que inicialmente todos foron condenados a penas de prisión, o TSXG acabou absolvendo dous deles e rebaixando as penas a outros dous —decisión recorrida pola Fiscalía—.

O pasado 13 de marzo foi localizado, a unha milla da costa de Arousa, outro 'narcosubmarino' semiafundido. Nese caso, a embarcación estaba baleira e os investigadores relacionárono coa aparición, días antes, de dúas planadoras abandonadas na costa de Ribeira.