Volencia machista: detido en Vigo por insultar e morder no pómulo á súa parella en plena rúa

Os axentes puideron comprobar que este tipo de agresións eran habituais por parte do detido, aínda que a súa parella nunca o denunciou.

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home de 42 anos de idade,  J. H. G.M., natural de Madrid, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, tras increpar e morder no pómulo á súa parella en plena rúa.

Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na madrugada deste domingo nunha zona de copas da cidade, cando unha patrulla de Seguridade Cidadá observou dous homes discutindo acaloradamente.

Ao se achegar a separalos e identificalos, os dous aseguraron que non pasaba nada, e que simplemente tiveran unha discusión por discrepancias como consecuencia dunha situación vivida cunha moza.

Tras esta intervención, os axentes permaneceron pola zona e puideron comprobar que un dos homes que fora identificado dirixíase a unha muller, á que estaba a increpar. Os policías volveron intervir e entrevistáronse coa moza.

A muller explicou que tiña unha relación sentimental con ese home e que, pouco antes e por unha cuestión de ciumes, iniciouse unha discusión entre ambos os dous no transcurso da cal, el mordeulle no pómulo dereito.

Os axentes puideron comprobar que este tipo de agresións eran habituais por parte do detido, aínda que a súa parella nunca o denunciou.Polos feitos ocorridos esa madrugada na rúa foi detido como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

No ano da pandemia medraron as denuncias por violencia machista, mais o medo ao agresor provoca que só cheguen á vía xudicial 22% dos episodios machistas. Desde 2003 foron asasinadas 65 galegas polas súas parellas ou ex parellas sentimentais. Aliás, unha de cada tres galegas asegura ter sufrido algún tipo de violencia machista ao longo da súa vida.

Catro de cada mil mulleres galegas denunciaron en 2020 seren vítimas de violencia machista en calquera das súas formas —física, sexual, emocional ou sentir medo—.