Detido un sacerdote na comarca de Sarria como presunto autor dunha agresión sexual a unha menor
Un sacerdote da diocese de Lugo que desenvolve o seu labor pastoral na zona de Sarria foi detido esta quinta feira pola Garda Civil, investigado como presunto autor dun delito de agresión sexual sobre unha menor.
O párroco, domiciliado en Pontevedra e que non conta con antecedentes penais, pasará previsibelmente ao longo desta sexta feira a disposición xudicial en Sarria, xulgado que lle corresponde por ser o lugar onde se cometeron os feitos. A detención levouse a cabo tras a denuncia presentada por unha persoa á que a vítima relataría os feitos.
Mentres se espera unha decisión xudicial, a diocese de Lugo decretou a suspensión cautelar de labor pastoral do sacerdote, que se ocupaba de varias parroquias, e comunicou que, até a detención, "non se recibiu ningunha clase de denuncia ou aviso sobre as presuntas actuacións que se lle poidan estar a imputar".
A diocese de Lugo manifestou tamén a súa firme condena "ante calquera tipo de abuso e especialmente se se trata dun menor" porque "é unha ofensa ás vítimas e a Deus". Ademais, lamenta profundamente "o sufrimento e o dano que esta situación está a provocar á vítima, a outras persoas afectadas, ás súas familias e comunidades", das que quere poñerse ao dispor.
Por outra parte, o Bispado declarou a súa disposición de colaboración coas autoridades nesta investigación, manifestando a súa "máis absoluto respecto pola actuación da xustiza" e desexando "un rápido e completo esclarecemento dos feitos, conscientes, tamén, do dereito á presunción de inocencia".