O detido polo feminicidio de Lugo confesa ser autor do asasinato

Un home vendo as flores que lembran a asasinada no valado da tenda en que traballaba. (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)

O detido polo crime da muller luguesa de 42 anos confesou ser o autor do homicidio que se produciu no domicilio da vítima, na rúa Quiroga, en Lugo.

O cadáver da muller foi achado o domingo, con múltiples coiteladas, no dormitorio da vivenda. Atopouna a súa irmá, que se desprazou á súa casa tras levar a familia varias horas sen saber nada dela.

Fontes consultadas por Europa Press confirmaron que o home confesou durante unha declaración realizada a última hora da cuarta feira.

Tras tomar máis dunha vintena de declaracións, a Policía Nacional detivo na terza feira o principal sospeitoso, un home de 32 anos e nacionalidade colombiana que levaba apenas dous meses residindo na cidade.

Cando foi arrestado, preparaba a súa fuxida, e nun rexistro no seu domicilio acháronse varios efectos da vítima, incluído o seu computador portátil. Tras o avance de dilixencias e a toma de declaración, o detido terá que pasar a disposición xudicial.

Concentracións en repulsa do feminicidio

O movemento feminista galego convocou para esta quinta feira, 1 de decembro, máis dunha ducia de mobilizacións contra o asasinato machista.

A Marcha Mundial das Mulleres anima as galegas e galegos a saíren á rúa contra un asasinato con cariz machista.

A Coruña, 20 horas no Obelisco
A Gudiña, diante do Concello
As Pontes, 20.30 horas na praza do Hospital
Ames, 20 horas na praza da Maía
Betanzos, 20 horas detrás do palco da música
Cabanas, 19.30 horas diante do Concello
Carnota, 19 horas na praza da Pedra
Celanova, 19.30 horas na praza Maior
Compostela, 20 horas na praza 8 de marzo
Ferrol, 20 horas na praza Amada García
Lugo, 20 horas diante do Concello
Moaña, 18.30 horas na praza do Concello
Noia, 20.30 horas diante do Concello
O Porriño, 20 horas diante do Concello
Ourense, 20 horas na Castañeira
Outes, 20.30 horas diante do Concello
Padrón, 21 horas fronte ao Concello
Pontevedra, 20 horas diante da Audiencia Provincial
Ribadeo, 20 horas na Praza 8 de marzo
San Cibrao (Cervo), 20.30 horas diante da casa da cultura
Vigo, 20.30 horas no Marco