Detido un mozo de 25 anos de Murcia ao que se perdeu a pista tras arroiar ao motorista que morreu no Rosal
Un mozo de 25 anos veciño de Murcia foi detido en relación ao accidente rexistrado o pasado día 15 nas Eiras, O Rosal (Baixo Miño), onde un motorista de 33 anos faleceu tras ser arroiado por un vehículo cuxo condutor fuxiu tras acudir a un centro de saúde.
Segundo informou a Garda Civil, o mozo foi detido na tarde da segunda feira e foi trasladado ao xulgado de Tui (Baixo Miño) na mañá desta terza feira para pasar a disposición xudicial.
En declaracións difundidas aos medios, o subdelegado do Goberno español en Pontevedra, Abel Losada, explicou que o mozo foi detido por axentes do Grupo de Investigación de Accidentes de Tráfico e o equipo de Investigación de Sinistros do Porriño (comarca de Vigo).
O arrestado conducía un BMW M4 con matrícula alemá e abandonou o lugar dos feitos tras o accidente e, segundo indicou Losada, atribúenselle delitos de homicidio por imprudencia grave, abandono do lugar do accidente e omisión do deber de socorro.
O subdelegado do Goberno español, que apelou á prudencia, sostivo que este accidente é froito de "condutas absolutamente intolerábeis ao volante". Así, dixo que o detido realizou unha manobra irregular de adiantamento, ademais de circular con exceso de velocidade, o que deu como resultado que "unha persoa que circulaba correctamente perdese a vida".
En concreto, o pasado día 15 de xullo, un motorista de 33 anos perdeu a vida mentres circulaba pola CG4.2, nas Eiras, O Rosal, cando un turismo invadiu o carril contrario e o arroiou.
A Garda Civil explicou que, tras o accidente, o condutor do turismo subiuse a un vehículo doutra persoa que circulaba pola vía e visitou o centro médico de Tui, tras o que se lle perdeu a pista.
Por iso, a Garda Civil iniciouse unha investigación para dar co seu paradoiro que finalizou coa detención do home na tarde da segunda feira en Pontevedra.