Detido un mozo en Lugo por agredir e ameazar a súa nai cunha pistola simulada

Axentes da Policía Local patrullando por Lugo. (Foto: Europa Press)
Atacou e ameazou a súa nai, chegando a introducirlle unha pistola na boca, antes de ausentarse da vivenda, segundo consta na denuncia.

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron nas últimas horas un veciño da cidade, de 27 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia no ámbito familiar. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron na tarde desta segunda feira, cando a sala do 092 recibiu un aviso para acudir a un edificio da Avenida da Coruña, onde unha muller estaba a ser agredida e ameazada polo seu fillo.

Cando os axentes chegaron, a porta do domicilio estaba aberta e, ao acceder ao interior, atoparon a muller ferida, con lesións nun brazo e na boca. A muller explicoulles que o seu fillo se estaba moi agresivo, que a atacara e ameazara, chegando a introducirlle unha pistola na boca, antes de ausentarse da vivenda. Os policías pediron unha ambulancia, que trasladou a vítima ao HULA.

Ademais, os funcionarios localizaron no domicilio a arma, unha pistola simulada de bólas de plástico, que foi intervida. Posteriormente atoparon o suposto autor dos feitos nas inmediacións da casa dunha familiar, onde foi detido.