Detido en Lugo un home por agredir a súa ex parella, sobre a que tiña unha orde de afastamento

Panorámica da cidade de Lugo. (Foto: Nós Diario)
A vítima foi trasladada a un centro hospitalario para ser tratada das súas feridas.

A Policía Local de Lugo detivo esta madrugada un home por agredir a súa ex parella, sobre a que tiña unha orde de afastamento, en presenza dos seus dous fillos menores. Tal e como informou a propia Policía, foi unha amiga da vítima a que chamou aos axentes, informando de que a muller fora agredida polo seu ex nun edificio da zona norte da cidade.

Unha vez no lugar, os axentesentrevistáronse coa moza, que presentaba signos evidentes de ser agredida, xa que tiña un corte no beizo, hematomas na cara e sangue na camiseta.

Chorando e "moi nerviosa", a muller manifestou que o home xa marchara. Con todo, os policías inspeccionaron o interior da vivenda e atoparon o home agochado nun armario. Logo comprobaron que tiña sobre ela unha orde de afastamento, polo que foi detido.

A vítima foi trasladada a un centro hospitalario, recoñecendo que o home lle dera varias puñadas en presenza dos seus dous fillos menores, que foron custodiados polos policías. Ademais, os axentes atoparon na rúa dous móbiles que foran lanzados polo presunto agresor á vía pública.