Detido un home en Lugo por un presunto delito de violencia machista

As denuncias por violencia machista aumentaron en 2022. (Foto: Europa Press)
O home, segundo o relato dos feitos, chegou á casa "bebido", agarrou a súa parella e tirouna ao chan en presenza do seu fillo menor.

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron nas últimas horas un home de 40 anos de idade por un presunto delito de violencia machista, despois de golpear a unha muller e tirala ao chan. Segundo informa a Policía Local, na madrugada desta cuarta feira recibiuse un aviso de que a muller fora agredida pola súa parella. Os axentes desprazados ao lugar atopáronse co home "na rúa chamando ao porteiro automático da vivenda da vítima".

Posteriormente, engade o corpo, os efectivos falaron coa muller que se atopaba "tirada no chan, chorando e á beira do seu fillo menor de idade". O rapaz manifestou que o home "chegara á casa bebido, berrando á súa nai" e, a continuación, "agarrouna polo brazo, golpeándoa e caendo ao chan". O menor mostrou aos axentes un vídeo gravado co seu teléfono móbil "onde se ve a agresión".

Os axentes procederon á detención do home, de 40 anos de idade e veciño de Lugo, por un presunto delito de violencia de xénero. O arrestado xa foi trasladado a dependencias policiais, onde se instrúen dilixencias para o xulgado correspondente.