Detido un home en Lugo por golpear a súa parella contra o volante do coche e arrastrala pola rúa

A Muralla de Lugo (Foto: Nós Diario)
O home foi levado a dependencias policiais para a instrución das correspondentes dilixencias por un presunto delito de violencia de xénero.

Un home foi arrestado pola Policía Local de Lugo por un presunto delito de violencia machista ao golpear á súa parella contra o volante do coche e de arrastrala pola rúa.

Segundo informa a Policía Local nun comunicado, sobre a 1 da madrugada desta segunda feira recibiuse información sobre a pelexa dunha parella nun estabelecemento de hostalería na rúa Rof Carballo. Ao chegar alí os axentes, estas dúas persoas xa marcharan, pero unha testemuña asegurou que unha muller fora arrastrada por un home pola rúa e pedira que chamasen á Policía.

Posteriormente, os axentes dirixíronse ao domicilio da vítima, quen os recibiu en evidente estado de nerviosismo e manifestou ser vítima de violencia de xénero desde hai tempo.

Relataba que esa noite, cando estaba a chegar a casa e estacionaba o vehículo, o home suxeitouna polo pelo e comezou a darlle golpes coa cabeza contra o volante, polo que ela se defendeu causándolle un corte na fronte.

Detención

Así mesmo, os policías realizaron unha inspección ocular do coche, onde observaron pelo sobre o freo de estacionamento. Os axentes localizaron o home nun dos cuartos da vivenda e procedeuse á súa detención e traslado a centro sanitario, onde se negou a ser atendido. Finalmente, o home foi levado a dependencias policiais para a instrución das correspondentes dilixencias por un presunto delito de violencia de xénero.