Detido un home en Lugo por un delito de violencia machista

O acusado foi detido e trasladado a dependencias policiais. (Foto: Europa Press)
Segundo o relato da vítima, el achegouse berrándolle á cara, "en actitude moi agresiva", e empurrándoa e tirándoa na cama.

Un home foi detido en Lugo o pasado sábado por un suposto delito de violencia machista contra a muller coa que compartía vivenda e unha relación sentimental. Segundo detalla a Policía Local, na tarde do sábado unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local de Lugo acudiu a un edificio da rúa Río Narla, xa que segundo os veciños e veciñas estaba a producirse unha discusión "moi forte" nunha das vivendas, "escoitando como unha muller berraba e pedía auxilio".

Cando os axentes chegaron ao lugar, abriulles a porta un home que manifestou que "xa sabía por que estaban alí". Ao acceder ao interior do piso atoparon unha muller que afirmaba que mantiña unha relación sentimental e de convivencia co home e que momentos antes estaban a ter unha "forte discusión".

Segundo o seu relato, el achegouse berrándolle á cara, "en actitude moi agresiva", e empurrándoa e tirándoa na cama. Por todo iso, procederon á detención do home por un presunto delito de violencia de xénero e trasladárono a dependencias policiais, onde se instrúen as dilixencias para o xulgado competente.