Detido un home en Compostela por posesión de quilos de cannabis, armas brancas e cocaína

As susbstancias e armas incautadas en Compostela (Foto: Policía Nacional).
Para alén diso, os axentes comisaron un puñal, un puño americano, unha navalla automática, un spray de defensa, unha catana longa, unha caixa de cartón contendo unha defensa extensíbel e o cargador dunha arma.

Un home foi detido pola Policía Nacional en Santiago de Compostela tras ser soprendido cando viaxaba nun coche no cal levaba varios paquetes de haxix. No posterior rexistro da súa vivenda foron localizados outros dous quilos de haxix, medio quilo de marihuana, seis gramos de cocaína, 18.600 euros en metálico e varias armas brancas.

Segundo informou esta cuarta feira a Comisaría da capital galega, o home foi interceptado nun control policial organizado no marco dun plan de resposta contra o tráfico e consumo de drogas.

Ao darlle o alto, os policías decatáronse dun forte cheiro a cannabis que procedía do interior do vehículo, onde localizaron no chan dos asentos traseiros tres paquetes de haxix.

Trasladado a dependencias policiais e por orde do xulgado, a Policía Nacional levou a cabo un rexistro do domicilio do arrestado, no cal había dous quilos de haxix, 580 gramos de marihuana e seis gramos de cocaína.

Ademais, tamén tiña 18.600 euros en metálico escondidos en distintas estancias da casa, así como 100 billetes de 200 euros que, segundo a Policía, "aparentemente non son de curso legal".

Armas

Para alén diso, os axentes comisaron un puñal, un puño americano, unha navalla automática, un spray de defensa, unha catana longa, unha caixa de cartón contendo unha defensa extensíbel e o cargador dunha arma.

O xulgado no que pasou a disposición xudicial decretou o ingreso en prisión preventiva para o arrestado.