Detido un home en Compostela tras acoitelar a súa parella, que foi trasladada ao Hospital Clínico

O cruzamento de Concheiros (Foto: Europa Press)
Segundo explicaron fontes policiais, os feitos ocorreron de madrugada nun domicilio do barrio de Concheiros. A policía local recibiu un aviso para acudir á zona, onde había unha muller ferida na vía pública.

Axentes da policía nacional da Comisaría de Santiago detiveron esta quinta feira a un home como presunto autor dunha agresión á súa parella, á que supostamente atacou cunha arma branca, nun episodio que se investiga como violencia de xénero.

Segundo explicaron fontes policiais, os feitos ocorreron de madrugada nun domicilio do barrio de Concheiros. A policía local recibiu un aviso para acudir á zona, onde había unha muller ferida na vía pública.

Até o punto trasladáronse tamén axentes de Policía Nacional e efectivos de Urxencias Sanitarias 061, que evacuaron a muller, E.C.G., de 38 anos de idade, nunha ambulancia de soporte vital básico, ao Hospital Clínico da capital compostelá. A vítima permanece ingresada con prognóstico reservado pero, en principio, "a súa vida non corre perigo".

No domicilio atopábanse tres menores, dos que se fixeron cargo familiares, informaron fontes municipais.

Primeira alerta

A primeira alerta dérona traballadores do servizo de limpeza que se atopaban na rúa e o responsábel dun bar, que viron a muller ferida que, precisamente, se dirixía ao estabelecemento hostaleiro, na rúa Concheiros, a pedir axuda.

Os feitos investíganse como un delito de violencia de xénero. A Policía Nacional desprazou á zona a axentes de Policía Xudicial e Científica para a inspección ocular, e fíxose cargo das pescudas a Unidade de Familia e Muller (UFAM) da Comisaría de Santiago.