Detido un home após agredir a súa parella nun descampado en Lugo

Axentes da Policía Local.
Segundo as testemuñas, "o home agarrou con forza á muller polo brazo, tirándoa en dúas ocasións con violencia ao chan".

Axentes da Policía Local de Lugo detiveron un home de 50 anos de idade por violencia de xénero após agredir presuntamente a súa parella nun descampado da cidade. Segundo informa o corpo policial, o pasado día 22 de xullo pola tarde unha patrulla da Unidade Territorial de Policía de Barrio da Policía Local foi enviada á Avenida de Paulo Fabio Máximo, á altura dun escampado, porque un home estaba a agredir unha muller.

Os axentes desprazados ao lugar foron recibidos por catro persoas xunto a unha muller tirada no chan. Segundo estas mesmas fontes, o grupo de individuos relatou que "momentos antes" un home agredira á vítima, ausentándose despois do lugar.

Os policías alcanzaron o presunto agresor "a uns cen metros do lugar dos feitos", presentando "signos de embriaguez" e manifestando que a muller que estaba no chan "era a súa parella, pero que non pasara nada". A muller, engade a Policía Local, tamén con signos de embriaguez, "ratifica esa mesma afirmación, descartando a posibilidade de denunciar".

Debido a estas manifestacións, os axentes mobilizados entrevistaron as testemuñas, quen explicaron que "o home agarrou con forza á muller polo brazo, tirándoa en dúas ocasións con violencia ao chan". Así mesmo, os policías observan que a vítima presenta "arañazos nun brazo e unha perna" á vez que "se nega a ser asistida por un facultativo".

Por todo iso, proceden á detención do home, de 50 anos e veciño de Lugo, por un presunto delito de violencia de xénero, sendo trasladado a dependencias policiais onde se instrúen dilixencias para a súa remisión ao xulgado correspondente.