Detido un condutor que tratou de atropelar até dous grupos de ciclistas en Lugo

Os ciclistas foron auxiliados por outro grupo que tamén sufrira o ataque por parte do mesmo condutor. (Foto: Nós Diario)
O vehículo achegouse cara a un dos pelotóns a gran velocidade, dando luces e facendo soar o claxon á vez que invadía o carril polo que circulaban coas bicicletas.

Un home foi detido en Lugo acusado dun delito contra a seguridade do tráfico por tratar de atropelar na mañá do pasado sábado dous grupos de ciclistas cando circulaban en dirección saída da cidade de Lugo, na campiña. Así o notificou esta terza feira a Policía Nacional, que explica que foi un dos integrantes dun dos grupos de ciclismo quen chamou para alertar de que o turismo tratara de atropelalos.

O pelotón que circulaba en fila de dous puido ver como este turismo, de cor azul, empezaba a achegarse cara a eles a gran velocidade, dando luces e facendo soar o claxon á vez que invadía o carril polo que circulaban coas bicicletas.

Ante iso, a Policía Nacional explica que os ciclistas tiveron que tirarse á cuneta para evitar que os atropelase o vehículo, que continuou a marcha en dirección centro da cidade, onde foi interceptado e detido por varias patrullas de Policía Nacional.

Os ciclistas foron auxiliados por outro grupo que estaba de volta, o cal, ao relatarlle o sucedido, tamén manifestou que ese mesmo coche fora cara a eles na estrada de Pol, esquivándoos no último momento, sen chegar a ter que saír bruscamente da vía.

Ambos os grupos de ciclistas presentaron a correspondente denuncia en dependencias policiais polos feitos ocorridos.