Detido un home polo asasinato de Cristina Cabo: "Con isto o caso quedaría resolto"

A Policía segue a tomar declaración. (Foto: Europa Press)
Seguen abertas todas as hipóteses en relación con este crime.

Os axentes que investigan a morte a coiteladas de Cristina Cabo Buján, cuxo cadáver foi localizado o pasado domingo na súa vivenda da rúa Quiroga, en Lugo, detiveron un home na mañá desta terza feira. Fontes próximas ao caso indican que o detido estaría agora en dependencias policiais, onde será sometido a un interrogatorio.

Posteriormente, en declaracións aos medios, o portavoz da Policía Nacional de Lugo, Manuel Arias Veiga, ratificou que se produciu unha detención, aínda que non proporcionou máis datos sobre o detido e apelou á cautela.

"Mentres non se lle poña nome e apelidos á persoa detida e ao delito que se cometeu imos actuar coa cautela debida e esperamos a que os investigadores nos dean máis información sobre este particular", trasladou.

Non se agardan máis detencións

O portavoz policial destacou o "intenso traballo" desempeñado polos axentes que levan a investigación e confirmou que non se esperan máis detencións. "Con isto o caso debería quedar resolto", transmitiu. "O traballo foi moi intenso e a presión foi moi forte. É un traballo moi ben feito e estivo moi ben dirixido, cos resultados gratificantes que se obtiveron para a sociedade, a familia e a vítima", esgrimiu.

Cristina Cabo tiña 42 anos e rexentaba un negocio na cidade da muralla. Na pasada xornada os labores de investigación centráronse na súa contorna. De feito, as autoridades policiais trasladaron que estaban a tomar declaración a amigos, veciños e familiares da vítima.

O axente Manuel Arias apelou a "ser precavidos" e esperar que os axentes da Policía Xudicial continúen coas dilixencias antes de proporcionar máis datos pola vía oficial. "Foron unhas horas moi intensas", insistiu.

Posteriormente incidiu en que a entrada no calabozo produciuse esta mañá e agora será preciso acometer o interrogatorio —que tamén conlevará a toma de declaración doutras persoas—, antes de que o detido quede en mans da autoridade xudicial. Tamén lembrou que sobre o caso, en mans do Xulgado número 1 de Lugo, pesa o secreto de sumario.

Unha persoa "solidaria e comprometida"

A Plataforma Feminista de Lugo atópase "abatida" polo crime de Cristina Cabo, que pertencía a este colectivo. "Á parte de ser a mellor persoa do mundo, era a mellor compañeira e tamén a mellor amiga. Non se pode dicir nada que non sexa marabilloso dela. Isto faio máis terríbel [o suceso], partiunos en dous", esgrimiu a portavoz da plataforma, Ana Torrón.

"Estamos abatidas e non entendemos nada", manifestou, á vez que, antes de coñecer que había un detido polo suceso, apelou a respectar o traballo dos axentes policiais. Torrón definiu Cristina Cabo como "unha persoa xenerosa, que axudaba a todo o mundo, que estaba súper comprometida coa ecoloxía, co medio ambiente, coa economía sostíbel".

"Non se entende que alguén lle poida facer dano a alguén así. Todo o mundo que a coñecía vai falar marabillas dela. Era un encanto con todo o mundo. Era unha persoa solidaria, comprometida. É imposible ser mellor persoa", subliñou.