Violencia machista

Detido por agredir e guindar unha rapaza desde a Muralla de Lugo

Imaxe de arquivo dunha muller camiñando pola muralla lucense. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Desde unha altura de 12 metros. Un transeúnte escoitou berros de auxilio e localizou a vítima, que presentaba varias fracturas, tirada no fondo dun patio interior.

 

Axentes da Policía española detiveron un veciño de Lugo por agredir, tras unha discusión, unha moza coa que “estivera de copas” e tirala desde unha altura de 12 metros desde a Muralla ao patio dunha vivenda, onde a abandonou.

Segundo informou a Policía, este home veciño da cidade foi detido como presunto autor de delitos de lesións graves e omisión do deber de socorro por "empurrar a moza" e marchar do lugar "deixándoa tirada no fondo dun patio interior".

Os feitos ocorreron a madrugada do pasado domingo. Segundo as investigacións realizadas, "tras unha discusión o mozo golpeou a muller", que caeu "desde unha altura de 12 metros ao patio interior dunha vivenda na zona da Praza do Ferrol".

O home marchou do lugar e  deixou a moza "tirada no chan, en estado grave, cunha perna rota, varias  vértebras fracturadas e o pulso fracturada, sen prestarlle auxilio".

O home marchou do lugar e, asegura a Policía, deixou a moza "tirada no chan, en estado grave, cunha perna rota, varias  vértebras fracturadas e o pulso fracturado, sen prestarlle auxilio".

Ás 7:00 horas un transeúnte que camiñaba polo  adarve da Muralla, relata a Policía, "escoitou berros de auxilio, que non sabía de onde proviñan e, tras un momento, puido localizar o lugar e ver a moza tirada no fondo dun patio interior, co que chamou aos servizos de emerxencias".

Acudidos no lugar dotacións de Policía Local, Bombeiros e 061, lograron rescatar a muller, que non tiña coñecemento do ocorrido, xa que nun primeiro momento non lembraba o sucedido. A vítima foi trasladada ao Hospital Universitario  Lucus  Augusti ( HULA).

Posteriormente e unha vez os familiares puxéronse en contacto coa Policía, manifestaron que a moza "podería ser empurrada desde o alto do  adarve". Por iso, axentes encargados da investigación deste tipo de delitos puxéronse en marcha para determinar as causas do feito.

Aínda que non puideron falar coa vítima por recomendación médica, solicitaron "todos os datos posíbeis dos familiares que tiveran un mínimo contacto con ela" e recuperaron o teléfono móbil da vítima, tras o que lograron, "de forma inmediata, reconstruír todos os pasos dados na noite anterior pola parella".

Con todo iso, tomouse declaración a todos os implicados no caso, desde a persoa que a atopou na Muralla, os responsábeis dos locais de lecer onde estiveron a noite anterior e os familiares da afectada.