Detidas tres persoas por tráfico de drogas en Ourense

Un coche da Policía española. (Foto: Europa Press)
Segundo as pescudas, tratábase dun "clan familiar perfectamente estruturado" que se dedicaba á venda de substancias estupefacientes, principalmente cocaína e heroína.

A Policía Nacional detivo tres individuos, presuntos autores dun delito contra a saúde pública en Ourense, nun operativo no cal se interveu diñeiro en efectivo, perto de 100 gramos de cocaína en rocha, varios gramos de haxix, plantas de marihuana, diversos machetes e armas brancas, entre outros obxectos.

Tal e como informa o corpo policial, os detidos facían uso da súa vivenda, situada nun barrio residencial da cidade, para "vender substancias estupefacientes e facilitar o consumo no interior", tendo habilitadas varias estancias a tal fin.

Por mor da chegada destas persoas á zona, engade, empezouse a notar unha "continua trasfega de consumidores" que entraban e saían do domicilio nun "goteo constante e ao longo de todo o día". A Policía Nacional, ao ter coñecemento destes feitos inicia unha investigación que se enmarca dentro da operación 'Caverna'.

A través das primeiras actuacións operativas realizadas sobre a contorna do domicilio, explica, obtivéronse indicios que apuntaban a un presunto delito de tráfico de drogas. Segundo as pescudas, tratábase dun "clan familiar perfectamente estruturado" que se dedicaba á venda de substancias estupefacientes, principalmente cocaína e heroína.

Como resultado das investigacións, na madrugada do pasado 27 de xullo tivo lugar a entrada e rexistro domiciliario nunha operación na cal colaboraron diversas unidades policiais da Xefatura Superior de Policía da Galiza.

Detencións

Con toda a información solicitada pola Brigada de Policía Xudicial da Comisaría de Ourense, procedeuse á detención de tres persoas, por un delito de tráfico de drogas, as cales tras comparecer en dependencias policiais, foron postas ao dispor xudicial.