A policía española, através da Brigada de Información de Madrid, procedeu á detención dunha trintena de persoas, todas elas integrantes do Frente Atlético.
Segundo a información difundida polo Ministerio do Interior entre as persoas detidas atópanse os participantes e os dous supostos responsábeis materiais do asasinato do siareiro do Dépor, Francisco Romero Taboada, Jimmy, o pasado 30 de novembro en Madrid.
A operación policial, desenvolvida baixo o nome de 'Neptuno', decorreu cun operativo despregado entre a capital española, Ávila e Toledo onde se está a proceder ao rexistro de diversos domicilios. As detencións prodúcense dúas semanas despois do crime e resultaron --segundo fontes policiais recollidas por EFE e Europa Press-- após a análise dos vídeos difundidos e do seguimento dos telemóbeis das persoas detidas.
As mesmas axencias de noticias avanzan que a operación policial continúa aberta e que este operativo constitúe "a primeira fase".