Policía interroga 13 persoas en relación á malleira que matou Samuel Luiz

Xulgados da Coruña
A Policía aclara que até o momento non hai detencións

Ainvestigación pola malleira que o pasado sábado acabou coa vida de Samuel, un mozo de 24 anos, nas inmediacións dunha discoteca da Coruña comeza  a dar froitos. Informou Radio Coruña que hai identificadas no mínimo 9 persoas, que declararon este domingo, rapaces e rapazas, e que estarían relacionadas co grupo dos agresores aínda que non son os únicos aos que os axentes necesitan tomar testemuño, xa que teñen unha ducia de persoas identificadas relacionadas co caso

Os arrestos realizáronse por relación directa ou indirecta co asasinato deste veciño de Culleredo, que traballaba como auxiliar de enfermería na Fundación Padre Rubinos. A liña de investigación da Policía, segundo confirmaron fontes do corpo a Efe, céntrase nunha discusión que se orixinou polo uso dun teléfono móbil. Os arrestados, identificados e aos que se lles está tomando declaración, están no cuartel de Lonzas.

Segundo recollen en axencias, os presuntos agresores deixaran os datos do seu DNI nunha discoteca próxima na que estiveran antes do suceso, o que facilitou a súa identificación. Así mesmo, unha das mozas que acompañaba a vítima identificou en comisaría a persoa que iniciou a agresión ao ver un dos vídeos.

O delegado do Goberno en Galiza, José Miñones, explicou que "non se desbota ningunha das vías" en relación a se se trata dun crime homófobo

Na noite do domingo a axencia Efe informaba da detención de 13 persoas. Porén, na mañá desta segunda feira, a Policía española afirmaba a través da súa conta nas fredes sociais que "a investigación continúa aberta aínda que non se realizaron detencións ata o momento"

Como apunta a axencia Efe, minutos antes de producirse a agresión, o mozo falecido, Samuel, estaba acompañado por unha amiga coa que estaba a realizar unha videochamada, que puido estar na orixe da fatal agresión en grupo. Segundo apuntaron fontes policiais a Efe, o mozo presentaba varios hematomas e importantes golpes na cabeza, que precisaron a intervención do 061 durante dúas horas para tratar de reanimar o rapaz, aínda que o falecemento produciuse finalmente no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), no que chegou a ingresar, aínda que en estado crítico.

Concentracións en máis de 50 cidades e vilas

Rúas e prazas da Galiza albergarán na segunda feira 5 de xullo concentracións para denunciar o asasinato de Samuel Luiz, exixindo que se esclareza se se tratou dun asasinato LGBTfóbico como indican testemuñas e amizades da vítima. Desde Avante LGTBI+, convocante das mobilizacións de repulsa en máis dunha trintena de cidades e vilas. 

Nota: A nova correxiuse ás 10:00 horas. Nun primeiro momento reproduciuse a información por axencias de que había 13 persoas detidas. Unha información que foi desmentida pola Policía e que motivou a corrección desta nova