O deterioro do formigón causou o colapso do viaduto da A-6

Vista xeral da ponte na A-6 (Foto: Alberto Vázquez / Europa Press). 16/6/2022
O secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Transportes, Xavier Flores, presentou esta terza feira os informes que analizan as causas do colapso dos dous piares do viaduto do Castro da A-6. A infraestrutura caeu no mes de xuño no seu paso polo concello de Pedrafita do Cebreiro.
 

Cinco meses despois do derrubamento, os informes preliminares encargados polo Goberno español a dúas compañías expertas en infraestruturas -Ideam e MC2- revelan que o estado de deterioro do formigón, que non fora detectado inicialmente, sumado aos traballos de reparación que se realizaban sobre o viaduto, provocaron o colapso dunha infraestrutura estratéxica para Galiza, e especialmente para o transporte, a industria e o comercio. 

Formigón en mal estado nunha ponte de 25 anos

Os informes, avalados polo Colexio de Enxeñeiros de Camiños, sinalan que o formigón das estruturas internas dos vans que cederon presentaban un estado de deterioro “moito maior” ao detectado durante as inspeccións que determinaron o feche do viaduto para proceder á súa reparación. 

As consultoras coinciden en que unha operación que formaba parte dos traballos de reparación, o derribo de elementos internos a través da auga a presión para a súa substitución foi o factor que desatou que os vans colapsasen, xa que “de forma puntual” superouse a superficie sobre a que estaba previsto actuar inicialmente.

Segundo recalcou o responsábel de Infraestruturas, a caída dos vans produciuse pola “confluencia” destas dúas circunstancias: un formigón “canso”, en “peor estado do esperado”, e a demolición en exceso dos elementos internos que se pretendían rehabilitar. Flores sinalou o problema no mantemento dun viaduto que "está en pendente" e nunha zona montañosa, polo que as condicións meteorolóxicas e a entrada de auga nos elementos internos dos vans acelerou a "degradación" dos materiais. Tamén expuxo que "non houbo o mantemento adecuado" da infraestrutura durante anos para manter a súa impermeabilidade.
Xavier Flores avanzou esta terza feira que a previsión é adxudicar pola vía de urxencia antes de que conclúa este ano os traballos para rehabilitar o viaduto en dirección Madrid co obxectivo de proceder coa súa reapertura ao tráfico no segundo semestre de 2023. Para a reparación total da infraestrutura colapsada haberá que esperar até 2024.

Os prexuízos causados polo atraso nas obras da infraestrutura foron moi criticados nestes últimos meses. Tanto o PP como o BNG sinalaron que o Goberno español, concretamente o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, non tomara medidas suficientes para paliar a problemática, demandando tamén as causas do derrubamento. 

Unha obra realizada cunha rebaixa de 25%

Como analizou Nós Diario o pasado 10 de xuño, a ponte caída fíxose cunha rebaixa de 25% no prezo ofertado polo Estado. A obra foi licitada en 1997 por 20.265.154.377 pesetas mais foi  adxudicada por 15.253.581.695 pesetas. A empresa adxudicataria da obra foi unha Unión Temporal de Empresa formada por Fomento de Construcciones y Contratas, Sociedad Anónima, OCP  Construcciones,  Sociedad  Anónima e FCC Construcción, Sociedad Anónima.

O BNG presentará novas iniciativas

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, adiantou que a formación nacionalista "rexistrará iniciativas" após coñecer os resultados preliminares dos informes sobre o colapso do viaduto do Castro.

"A explicación do Goberno [español] sobre o colapso do viaduto do Castro é ben sorprendente: A deterioración dos materiais… Por que? No fondo trasloce a existencia de defectos de construción. Ou non sabían que en Pedrafita chove e neva?", manifestou Rego na súa conta de Twitter.