Goberno español e Xunta seguen a cruzar acusacións polo viaduto da A-6: "Non sabemos nada", di Ethel Vázquez

Desde o Executivo estatal acusan a conselleira de Infraestruturas de actuar "de mala fe" após criticar que nos Orzamentos Xerais do Estado non se destinara unha partida para a reconstrución da ponte: "Vai polo procedemento de emerxencia".
Varios camións cruzan a estrada anexa ao tramo do viaduto colapsado na A-6. (Foto: Europa Press)
photo_camera Varios camións cruzan a estrada anexa ao tramo do viaduto colapsado na A-6. (Foto: Europa Press)

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, insistiu esta terza feira en que a Xunta "o único" que sabe da reconstrución do viaduto do Castro, na A-6, que colapsou antes do verán, é que non sabe "nada".

En declaracións aos medios antes de presentar á comunidade sanitaria o proxecto de ampliación do Hospital Clínico de Santiago, a conselleira volveu criticar que os Orzamentos Xerais do Estado para 2023 non recollen unha partida para a reconstrución desta vía.

Neste sentido, Ethel Vázquez afirmou que as contas do Estado son "a máxima expresión de vontade política do Goberno de España", algo que, na súa opinión, "significa que este asunto non é prioritario para o Goberno de España, nin ten a sensibilidade nin a transparencia que necesita este tipo de infraestrutura".

"O que imos ver en 2023 é que Galiza, no canto de gañar unha infraestrutura, o que vai ter é unha infraestrutura estatal menos porque non imos ter a A-6 reconstruída e a disposición da Galiza", reiterou.

Con todo, esta mesma segunda feira a subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, explicou que unha actuación como a de reconstrución desa ponte "vai por procedemento de emerxencia", polo que non fai falta a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado. Rodríguez tamén asegurou que Ethel Vázquez mantén unha actitude "completamente irresponsábel" e actúa "con insolvencia ou mala fe" ao "pór en dúbida" os avances no viaduto da A-6.

Acto seguido, a conselleira Vázquez puxo como exemplo os orzamentos previstos polo Goberno galego para o ano 2023, nos que, segundo sinalou, existe "unha partida orzamentaria concreta para a reconstrución dunha obra tan importante e necesaria, que sufriu tamén unha declaración de emerxencia, como é o caso de Folgoso do Courel", onde colapsou unha vía de titularidade galega.

"Se este tipo de actuacións ocorresen en Catalunya, o Goberno de España non actuaría da mesma maneira", volveu censurar a responsábel de Infraestruturas do Executivo galego.

Aliás, criticou que aínda non se coñece "o cronograma da reconstrución" e que o desvío parcial posto en marcha polo Goberno para evitar o paso por Pedrafita "non serve para o transporte de mercadorías". "Está habilitado un desvío provisional incompleto, que non é útil, que vai supor un desvío tremendo e que minguará a competitividade do servizo de mercadorías", lamentou.

Comentarios