Deteñen en Vigo un pai tras golpear cunha xerra de cristal a cara da súa filla "por facer ruído"

A viguesa rúa de Lepanto, lugar en que aconteceron os feitos (Foto: Google).
Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron na rúa Lepanto, onde unha moza, de 21 anos, manifestou ser agredida polo seu proxenitor.

Un home, O.A.Q.P. de 39 anos de idade, foi detido en Vigo tras agredir cunha xerra de cristal a súa filla por facer ruído pola mañá.

Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron na rúa Lepanto, onde unha moza, de 21 anos, manifestou ser agredida polo seu proxenitor.

En concreto, segundo o seu relato, ela levantárase cedo e puxera en funcionamento unha lavadora, motivo polo cal o seu pai comezou a increpala, mostrando unha actitude "moi agresiva", chegando a agarrala polo pescozo, a tirala ao chan e a golpeala na cara cunha xerra.

Esta agresión provocoulle lesións na orella, presentando ademais erosións nos xeonllos. A vítima tamén manifestou que non era a primeira vez que o seu pai a agredía, pero que nunca denunciara.

Así, os axentes entrevistáronse co aludido, quen indicou que lle dicía á súa filla que non fixese ruído tan cedo e que ela fixo caso omiso, polo que se puxo "moi nervioso", recoñecendo os feitos violentos.

Por iso, procedeuse á detención do home como presunto autor dun delito de violencia no ámbito familiar.

Outro caso

A Policía Local tivo que intervir noutra rifa familiar, ocorrida tamén na cidade olívica. Neste caso, o agredido foi un pai que tratou intervir para que unha das súas fillas non lle pegase á outra, resultando el con varias erosións sanguentas na cara.

O home manifestou que a súa filla tiña diagnosticado trastorno da personalidade, polo que foi imposíbel que os funcionarios se entrevistasen con ela debido ao estado de axitación "tan grave" que presentaba.

Por iso, foi trasladada ao hospital Álvaro Cunqueiro con axuda dos axentes, debido á agresividade que mostraba a rapaza.