Detido en Vigo un home por agredir a súa parella no interior dun coche

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron nas últimas horas un veciño da cidade, S.S., de 31 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia machista, tras golpear repetidamente na cara a súa parella mentres discutían no interior dun coche. Segundo informaron fontes policiais, os feitos ocorreron pasada a medianoite desta cuarta feira, cando un veciño chamou o 092 para alertar do incidente, na rúa Doutor Canoa. Tanto o home como a muller recoñeceron que mantiveran unha discusión pero non admitiron ningunha agresión. O home negou golpear a súa parella, a pesar de que a muller tiña o pómulo esquerdo inchado, e ela asegurou que a ferida non fora provocada por el. Con todo, a testemuña que alertou a Policía ratificouse na súa versión, e asegurou que non só vira a discusión, senón que observara como o home golpeara amuller repetidas veces na cara, polo que o agresor foi finalmente detido.
Rúa Doutor Canoa, en Vigo.
photo_camera Rúa Doutor Canoa, en Vigo.
Comentarios