Deteñen en Vigo o presunto autor dun delito de violencia de xénero, grazas á xeolocalización do móbil da vítima

Avenida do Aeroporto, en Vigo. (Foto: Google Maps)

A muller recoñeceu ter “moito medo”

Axentes da Policía Local de Vigo detiveron un home, A.G.G., de 32 anos de idade, como presunto autor dun delito de violencia de xénero, e que foi interceptado grazas a que unha testemuña tiña a xeolocalización do móbil da vítima.

Segundo informou a Policía Local, os feitos ocorreron na noite desta segunda feira, 21 de agosto, cando o 092 recibiu unha chamada dunha persoa alertando dun episodio de violencia machista nun estabelecemento hostaleiro dunha rúa céntrica de Vigo.

Ao chegar, os axentes entrevistáronse coa testemuña, que relatou que un home quitara á súa parella as chaves do coche e que a levou á forza. A vítima facilitou a xeolocalización á testemuña en tempo real, antes de que o home a levase.

Desta maneira, a través do seu móbil, púidose situar a parella na avenida do Aeroporto, onde se desprazou unha dotación policial. Unha vez alí, os funcionarios viron a ambos fóra dun vehículo e, ao entrevistarse coa muller, de 31 anos de idade, ela manifestoulles que tiña "moito medo".

Así, nun estado de moitos nervios, pediu "axuda" aos axentes porque, tras un ano de relación co sospeitoso, quería cortar o vínculo debido aos malos tratos físicos e psíquicos que sufría por parte del. Pero o home, ante a perspectiva da ruptura, entrara "en cólera" e ela tíñalle "medo".

Os axentes procederon á detención do sospeitoso, como presunto autor dun delito de violencia de xénero.

Protocolo

Por outra banda, a Policía Local de Vigo tamén interveu esta segunda feira noutro episodio de violencia de xénero. Nesa ocasión, os feitos producíronse nun domicilio da rúa do Cristo.

Un veciño avisou o 092 tras ver desde a súa xanela a unha parella nova discutindo. Cando os axentes chegaron, ambos recoñeceron que tiveran unha disputa, pero negaron ningunha agresión. Ante esta situación, os funcionarios puxeron en marcha o protocolo para facilitar información encamiñada a minimizar os riscos de posíbeis vítimas en situación de desprotección e que non queren denunciar.