Deteñen un home en Lugo acusado de violencia machista após a alerta dun veciño

(Foto: Nós Diario)
Un veciño alertou os axentes de que escoitaba berros e golpes fortes nunha vivenda contigua á súa.

A Policía Local de Lugo detivo esta semana Santa un home acusado de violencia machista, após bater supostamente á súa parella na cara. Foi un veciño o que alertou os axentes tras oír golpes e berros.

Segundo informou a Policía Local, o suceso tivo lugar na madrugada do 28 de marzo, cando un veciño alertou as axentes de que había un par de horas que escoitaba berros e golpes fortes nunha vivenda contigua á súa.

Nela, os policías foron recibidos por unha muller que lles contou que tivera unha discusión coa súa parella e que este a agrediu na cara. A muller contou que non era a primeira vez que era agredida.

O home, pola súa parte, asegurou que o producírase accidentalmente ao darse a volta na cama mentres durmían.

Os axentes, con todo, constataron que a muller presentaba lesións e hematomas na cara, polo que procederon á identificación do presunto agresor e á súa detención.

O detido, de 41 anos, foi trasladado a dependencias policiais para instruír dilixencias, e a muller foi trasladada en ambulancia ao HULA.