Dúbidas e recomendacións arredor das máscaras solidarias tecidas no fogar

(Europa Press)
As máquinas de coser de ducias de fogares galegos puxéronse en marcha após o decreto do estado de alarma. As súas donas tecen máscaras destinadas a veciñas, colectivos vulnerábeis, traballadoras do taxi ou de comercios. Sempre e cando o seu emprego siga certas recomendacións e non implique deixar de lado o lavado das mans ou o distanciamento social, hai expertas que manteñen que o seu uso á hora de facer a compra ou acudir á farmacia pode implicar certos beneficios.

Desde a declaración do estado de alerta e de alarma sanitaria, non son poucas as iniciativas espalladas pola xeografía galega de confección de máscaras caseiras. A primeira dúbida que xorde é a da súa efectividade, xa que se trata de máscaras sen ningunha homologación. Os expertos en medicina preventiva da Universidade de Santiago de Compostela Juan Gestal e Francisco Caamaño recomendan dar prioridade ao lavado de mans, ou ao distanciamento social, fronte ao emprego de máscaras.

Nun vídeo compartido en YouTube Beatriz Novoa, profesora de Investigación do Instituto de Investigacións Mariñas do CSIC e codirectora xunto a Antonio Figueras do grupo de Inmunoloxía e Xenómica, comparte algúns dos beneficios destas máscaras feitas na casa. Sempre e cando, precisa, se sigan as correctas normas de uso e hixiene, pois deixalas a un lado baixo unha falsa sensación de seguridade rematará resultando contraproducente.

Para comezar, Novoa aclara que as máscaras de tea ou desbotábeis feitas na casa “non protexen fronte ao virus completamente” debido ao ínfimo tamaño das partículas virais. Non obstante, si poden axudar a previr o espallamento das minúsculas gotas de saliva que carretan o coronavirus. As máscaras caseiras deben contar cun oco no que introducir papel de cociña, recheo de cueiros, compresas ou feltro que fan ás veces de filtro.

Aquelas persoas que presentan síntomas deben ficar nos seus fogares, non poden saír para facer a compra ou botar o lixo, mais as investigacións arredor da COVID-19 amosan que hai persoas asintomáticas. “Esta é unha protección extra que podemos empregar”, xunto aos xa citados lavado de mans e distanciamento social, segundo Novoa.

De Miño a Vigo

Detrás de Nicanora están as irmás Lúa e Zeltia Mosquera, naturais do concello de Miño. Desde o pequeno obradoiro de confección que argallaron no seu fogar envían máscaras de tea gratuítas a quen as solicite. “Non son evidentemente efectivas na mesma medida que as quirúrxicas e se deben lavar a altas temperaturas, mais debido á alta escaseza destas e que deben ser reservadas para o persoal sanitario, ofrecemos esta alternativa para ir ao supermercado ou a traballar”, explican desde a súa páxina de Facebook.

Ademais, na páxina a escola de confección La Mapache Escuela, comparten as instrucións para tecer máscaras caseiras e mais para o seu uso. “Son individuais, é moi importante lavalas antes de empregalas a unha temperatura mínima de 60 graos e con xabón”, puntualizan.

A Organización Mundial da Saúde sinala que é imprescindíbel cubrir ben a boca e mais o nariz, asegurándose de que non fican espazos entre a máscara e o rostro. Tras cada uso, a máscara debe lavarse de novo, desbotando o filtro empregado.

Na Coruña, a rede de Grupos de Apoio Mutuo artellada nos barrios puxo en marcha un grupo de Telegram denominado “Cose na Casa”. O seu fin é o de “detectar necesidades de máscaras e axudar cosendo, para aqueles que as precisen para facer o seu traballo ou para persoas especialmente vulnerábeis”, explica. Conta xa cun total de 65 participantes. Unha delas é Luz, unha veciña de 74 anos que ideou con moito enxeño un método para a súa entrega:

 

En Vigo, o Colexio Fogar de Formación Profesional pertencente á Fundación Abanca leva desde o 20 de marzo fabricando máscaras. A Cociña Gráfica, como se denomina ao departamento de deseño gráfico, fixo entrega á Xunta da Galiza arredor de 14.000 máscaras sanitarias, segundo informou Europa Press. Ademais, a pasada terza feira fixeron chegar a dúas residencias de maiores unhas 2.000 máscaras.