Detectan un gromo con 6 positivos por Covid-19 na área de Traumatoloxía do HULA

Un traballador barre os arredores do hospital lucense. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O virus afectou a dúas doentes, tres auxiliares e un médico, que xa se atopan en corentena. A expansión está controlada se ben os equipos sanitarios continúan a investigar quen puido ser a ou o paciente cero e como chegou o virus a esta unidade.

A aparición de novos gromos de coronavirus é unha realidade en toda Galiza malia que os puntos máis febles sexan os centros residenciais. Tanto é así que mesmo nas instalacións sanitarias danse contaxios. Esta sexta feira comunicouse a aparición de seis casos positivos na área de Traumatoloxía do hospital de Lugo.

Neste departamento do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) deuse un contaxio co virus que afecta a seis persoas, catro das cales son persoal sanitario.

En concreto, dous dos casos positivos son de doentes atendidas nesa área, e tamén comprobouse a afección a un médico e tres auxiliares.

Fontes da área sanitaria de Lugo explicaron a Europa Press que o gromo foi descuberto esta terza feira pero xa está "todo controlado". Así se conseguiu actuando "segundo o protocolo". É dicir, as cinco persoas atópanse en corentena.

Por mor da detección deste punto de expasión do virus, o equipo sanitario investiga quen puido a ou o paciente cero e de que modo se puido introducir o virus no servizo de Traumatoloxía.

Á marxe deste caso sucedido no interior da instalación, o hospital lucense está a ser un centro bastante afectado pola pandemia dado que alí faleceron algúns dos usuarios das residencias do Incio e Outeiro de Rei, entre outras vítimas do total galego desde que comezou a alerta sanitaria.