Detectan un foco da Covid-19 nunha granxa de visóns en Carral

Visóns nunha das xaulas nas que son criados. (Foto: Europa Press)
Esta posibilidade xa foi alertada polas asociacións ecoloxistas desde que comezou a pandemia, pois os animais poden ser unha vía de transmisión moi perigosa. Os servizos veterinarios da Xunta teñen paralizada a actividade na empresa.

A Consellaría de Medio Rural viuse na obriga de inmobilizar e someter a vixilancia continua unha granxa de visións americanos de Carral debido á descuberta dun surto de SARS-CoV-2. Así mesmo, os equipos veterinarios da Xunta están a realizar controis polo risco que supón unha situación destas características.

Desde o principio da pandemia as entidades ecoloxistas viñan advertindo da problemática que podía xurdir nestas industrias e pedía o feche das mesmas, pero de momento o sector continúa nas mesmas condicións na Galiza. Así, o Goberno galego afirmou nesta cuarta feira que xa trasladou información do foco ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

O virus apareceu en cinco mostras malia que, segundo Medio Rural, a circulación da epidemia non implicou ningunha sintomatoloxía visíbel nos animais.

De feito, fontes do departamento aseguraron que a detección do gromo xurdiu froito dos controis que realizan “no marco do Programa de prevención, vixilancia e control de SARS-CoV-2 en granxas de visóns americanos en España, elaborado polos Ministerios de Agricultura e de Sanidade, e no que colaborou activamente Galiza”.

Nos anteriores exames, de realización quincenal, os resultados foran negativos. Após estes positivos, paralizouse á actividade.

“As cepas virais detectadas serán sometidas aos oportunos estudos epidemiolóxicos para tratar de determinar a orixe da infección, aínda que todo apunto, como en casos precedentes, a unha orixe humana”, destacaron as mesmas fontes.

Un amplo mapa de explotacións no país

A consellaría aproveitou para destacar que desde o ano pasado están nun contacto permanente co sector peleteiro, que conta con 25 granxas activas no país cun total de 71.479 visóns reprodutores. Mais ese argumento non vale para as entidades de defensa dos animais.

Após transcender o terceiro foco de SARS-CoV-2 en granxas da Galiza, a Fundación Franz Weber e O teu Abrigo A súa Vida reclamaron a “clausura inmediata das instalacións con visóns americanos”.

"O perigo pandémico das granxas de visón americano situadas na Galiza, agora 25 operativas con decenas de miles de mustélidos, quedou patente despois de que a Consellaría do Medio Rural notificase un novo brote nunha instalación de Carral, o terceiro no que vai de 2021, tras Santiago e A Baña", reflexionaron os animalistas.