Detectan un gromo con 47 contaxios na residencia de Lobeira

Residencia de maiores Nosa Señora do Viso. (Foto: Fundación San Rosendo)
Ademais do abrocho no centro residencial Nosa Señora do Viso, da Fundación San Rosendo, houbo subidas noutros xeriátricos até chegar a 77 casos activos máis. Por exemplo, na residencia Ballesol de Oleiros deron positivo nas probas 23 residentes.

O coronavirus segue avanzando na súa afección aos centros residenciais de maiores da Galiza. Lonxe de ir remitindo, a enfermidade pasa rapidamente dunha instalación a outra malia que estas non teñan relación ningunha.

Esta cuarta feira a Consellaría de Política Social recoñeceu a detección de 77 novos casos nestes espazos, dos que 47 corresponden co xeriátrico de Lobeira. Este novo dato implica que hai 304 usuarias e usuarios infectados.

Até o momento esta infraestructura de Nosa Señora do Viso non tiña doentes por mor deste virus pero nas últimas 24 horas as probas atoparon ese amplio abrocho entre as e os usuarios.

Outros 23 casos están vinculados ao centro Ballesol, situado no municipio de Oleiros, na área sanitaria da Coruña.

Neste caso xa había 7 persoas afectadas, polo que agora o número elevouse a unha trintena.

Malia estes repuntes, a DomusVi de Outeiro de Rei continúa a ser a máis afectada porque aínda quedan 132 casos activos da Covid-19, un menos que esta terza feira porque tramitouse a súa baixa para ir vivir a outro lugar.

O Incio mantense con 58 maiores que padecen algúns síntomas e o fogar residencial El Pinar continúa con 21 enfermas. As tres últimas están baixo a intervención da Xunta.

No que se refire aos cadros de persoal, hai 117 afectadas moi repartidas, mais a maioría atópanse entre Outeiro de Rei e o Incio.

A residencia de atención á discapacidade Ricardo Baro, de Aspronaga, rebaixa a súa situación de risco ao dar negativo ás probas 13 das beneficiarias enfermas. No entanto, súmanse tres operarias. Así quedan 37 afectadas na comunidade deste centro.