Detectan 4 novos contaxios en Outeiro de Rei e 6 no centro Ricardo Baro de Oleiros

Unha ambulancia aparcada nas inmediacións da residencia de Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
Na DomusVi intervida onte pola Xunta hai 142 casos activos entre as persoas usuarias e outros 24 no cadro de persoal. O seguinte máis afectado é o centro residencial do Incio pero tamén son cifras elevadas as do xeriátrico Orpea, de Culleredo.

A Consellaría de Política Social comunicou esta mañá que outras catro persoas usuarias do centro DomusVi Lugo, no municipio de Outeiro de Rei, deron positivo nas probas da Covid-19, logo de que a Xunta intervira onte a residencia pola detección de 99 casos máis dos que había. Así mesmo, preocupa a situación do centro residencial Ricardo Baro, de Aspronaga, en Oleiros porque hai seis doentes máis que onte.

Con estes últimos datos das autoridades sanitarias, na infraestrutura de Outeiro de Rei hai 142 internas e internos enfermos. Ademais, o outro centro onde máis se expandiu o virus foi o de atención á discapacidade que Aspronaga (Asociación pro personas con discapacidad intelectual de Galicia) xestiona no concello de Oleiros.

Neste contexto, os xeriátricos continúan a ser un dos puntos onde se reforza o control porque hai 253 casos activos repartidos entre catro instalacións.

En concreto, os casos activos están na residencia do Incio (78); Orpea de Culleredo (29); DomusVi Lalín (4) e o resto até os 253 en na DomusVi de Outeiro de Rei. No que respecta aos cadros de persoal destas instalacións, nas últimas horas incorporáronse ao cómputo global de 81 contaxios, 10 traballadoras e traballadores desta última vila.

Da mesma maneira, elimináronse das listaxes cinco operarias da residencia do Incio, que xa están curadas desta enfermidade, e un usuario, que se computou como positivo por un erro do centro.

Situación difícil tamén para o persoal

Así as últimas cifras dispoñíbeis a estas horas falan de 30 casos activos correspondentes ao persoal do Incio e 24 á DomusVi de Outeiro de Rei, ambas as intervidas pola Xunta.

Respecto aos centros para a atención a persoas con capacidades diferentes, rexistráronse seis novos contagios de usuarios do centro de atención á discapacidade Ricardo Baro de Aspronaga, en Oleiros, así como un novo positivo entre o seu persoal. Con iso, este centro rexistra 11 usuarios e dous traballadores contaxiados.

Tamén se identificou nas últimas horas a afección a un empregado da residencia de atención á discapacidade Juan Vidán Torres de Aspas, situada en Compostela. Permanecen na suma total un traballador da residencia de discapacidade da Baña e outro da de Aspace, no municipio da Coruña.