Detectados nun colexio de Vigo polo menos dous casos de sarna humana

O colexio vigués en que se detectaron os casos de sarna (Foto: Anpa CEIP Valle Inclán de Vigo).
Segundo informaron fontes de Sanidade, non se trata dun surto desta doenza, senón de "casos illados" que se rexistraron no centro.

Un colexio público do barrio de Lavadores de Vigo tivo que ser desinfectado ao se detectaren dous casos de sarna humana.

Segundo informaron fontes de Sanidade, non se trata dun surto desta doenza, senón de "casos illados" que se rexistraron no centro.

Con todo, procedeuse á desinfección do centro educativo para evitar posíbeis infeccións dentro do mesmo, co obxectivo de que non haxa máis rapazas e rapaces contaxiados.

A sarna

A escabiose, raña ou sarna é unha enfermidade da pel causada polo ácaro parasito Sarcoptes scabiei, chamado comunmente arador da sarna.

É unha ectoparasitose de distribución mundial.

O principal síntoma é o proído, que aumenta o seu efecto durante as noites e coa calor.

O proído está causado pola reacción alérxica do corpo ante o parasito, que se manifesta con pequenos grans, bochas e pequenas úlceras con bostelas. Non causa febre, a menos que exista infección.