A oposición no Concello de Vigo denuncia a concesión de licenzas urbanísticas ilegais

Segundo denunciou o BNG nun comunicado, o Goberno municipal de Vigo "outorgou unha licenza abertamente ilegal" para unha parcela na rúa de Porto Rico.
44
photo_camera Rúa de Porto Rico, en Vigo (Foto: Google).

O Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Vigo pediu esta sexta feira explicacións á Concellaría de Urbanismo da cidade olívica polas irregularidades detectadas na concesión de licenzas na cidade.

Segundo denunciou o partido nacionalista nun comunicado, o Goberno municipal "outorgou unha licenza abertamente ilegal" para unha parcela na rúa de Porto Rico.

Por iso, o BNG reclamou á concelleira María José Caride que "rectifique esta decisión para desmentir as sospeitas dunha xestión urbanística á carta".

"Un agravio indefendíbel"

"Esta licenza non pode outorgarse porque suporía unha actuación abertamente contraria ao dereito e un agravio comparativo indefendíbel con outros vigueses", destacou o concelleiro e candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Xabier P. Igrexas.

Igrexas tamén explicou que esta decisión "vulnera a suspensión automática de licenzas naqueles ámbitos nos que o novo Plan Xeral de Urbanismo (PXOM) en tramitación modifica a anterior cualificación urbanística".

Así, desde o BNG consideran que esta parcela, situada nun ámbito tan "atractivo especulativamente" como é a Praza dos Cabalos, figura como solo urbano consolidado no PXOM de 1993, así como no Instrumento de Ordenación Urbanística (IOP) mentres que no novo PXOM pasa a consideralo solo urbano non consolidado.

Tamén como parte dun Plan Especial de Reforma Interior (PERI), unha modificación que, tal e como sinalaron desde o BNG, en base ao propio acordo do Pleno, impide a concesión da licenza.

"A normativa urbanística é clarísima", sentenciou Igrexas, quen asegurou que o Concello de Vigo ten que anular esta licenza ou "confirmará as sospeitas de que o Goberno municipal de Abel Caballero fai unha xestión urbanística á carta".

Tamén o portavoz municipal do Partido Popular (PP) de Vigo, Alfonso Marnotes, reclamou esta pasada cuarta feira na Xerencia de Urbanismo garantías das licenzas que se están concedendo ao amparo da aprobación inicial do PXOM.

Comentarios