Saúde Pública detecta por primeira vez na Galiza exemplares de mosquito tigre

Exemplar de mosquito tigre. (Foto: Nós Diario).

A especie é transmisora potencial de enfermidades como o dengue

A Xunta da Galiza, a través da dirección xeral de Saúde Pública, informou esta cuarta feira da detección no Concello de Moaña (comarca do Morrazo) de exemplares do mosquito Aedes albopictus, comunmente chamado ‘mosquito tigre’.

A través da Rede Galega de Vixilancia de Vectores, que identificou durante o ano pasado máis de 6.000 exemplares de mosquitos con potencial interese pola súa capacidade de ser vectores de transmisión de enfermidades humanas e animais, e do proxecto de ciencia cidadá ‘Mosquito Alert’ detectouse a presenza de exemplares de mosquito tigre en Moaña, sendo a primeira identificación desta especie que se realiza na Galiza.

Este mosquito é un potencial transmisor de enfermidades como os virus do dengue,  chikungunya ou Zika. En consecuencia, o protocolo previsto no Plan Nacional leva a tomar medidas para previr o risco, aínda que non se puido aínda confirmar a presenza de ningún destes virus nos exemplares existentes en Moaña. De feito, a presenza deste mosquito noutras comunidades autónomas do Estado español non produciu circulación destes virus agás casos illados de dengue detectados en 2018 e 2019.

Comité técnico de coordinación

No marco do protocolo establecido no Plan, a Xunta constituíu un comité de coordinación de carácter técnico para o que xa foron solicitados representantes aos departamentos de Medio Ambiente, Medio Rural, Interior, á área sanitaria de Vigo e ao propio Concello de Moaña.

Este comité, coordinado pola subdirección xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía da dirección xeral de Saúde Pública, reunirase nos vindeiros días para planificar accións de reforzo da vixilancia da poboación deste mosquito co obxectivo de controlala para evitar a súa dispersión, así como reforzo da vixilancia epidemiolóxica ante posíbeis casos de picaduras e a difusión de consellos para a poboación á hora de evitar a proliferación de mosquitos e a súa picadura.

Información e consellos para a poboación

Recoméndase á poboación da zona afectada o mantemento de boa hixiene persoal e o uso de repelentes eficaces para minimizar o risco de picadura. As picaduras son moi molestas e poden producir reaccións alérxicas de certa gravidade.

O ‘mosquito tigre’ cría en pequenos recipientes que acumulan auga estancada durante máis dunha semana, polo que se recomenda revisar cada 4 ou 5 días lugares como bebedeiros de mascotas, floreiros ou pratos situados baixo as macetas para evitar que se creen hábitats propicios para a instalación do mosquito.

O mosquito Aedes albopictus ou ‘mosquito tigre’ caracterízase pola súa coloración negra intensa cunha liña branca lonxitudinal central en tórax e cabeza e as súas patas a bandas negras e brancas. O seu tamaño pode oscilar entre os 5 e os 10 milímetros.