Día Mundial do Alzhéimer

A detección precoz, chave para frear o deterioro cognitivo do Alzhéimer

Na Galiza perto de 70.000 persoas padecen esta doenza, que tarda 20 anos en desenvolverse (Foto: Europa Press).
Isabel Gey, presidenta da Federación Alzhéimer Galiza, advirte a Nós Diario dun "gran retraso nos tempos de valoración" das e dos doentes de demencia.

Arredor de 70.000 galegos e galegas padecen Alzhéimer, a forma máis común de demencia entre as persoas maiores. Con todo, a presidenta da Federación Alzhéimer Galiza (Fagal), Isabel Gey, apunta que a cifra real é aínda maior, xa que "hai moita xente non diagnosticada". Na vindeira década, salienta, prevese que a incidencia desta enfermidade dexenerativa aumente en 40%.

"Hai unha serie de factores xenéticos e da idade contra os que non podemos facer nada mentres non se atope unha solución, mais si está nas nosas mans fomentar hábitos saudábeis e traballar en terapias non farmacolóxicas e na detección precoz", sostén.

De feito, dado que o Alzhéimer tarda perto de 20 anos en se desenvolver por completo, unha diagnose temperá pode axudar en gran medida ás persoas doentes. "Moitas veces pensamos que, como non ten remedio, non temos nada que facer. Mais o proceso desde que aparecen os primeiros síntomas é lento, e aí é onde debemos facer fincapé. Unha detección precoz aumenta a calidade de vida do paciente e ralentiza a demencia", explica a presidenta de Fagal, que estes días, con motivo da conmemoración este 21 de setembro do Día Mundial do Alzhéimer, organiza a campaña "Alzhéimer, hoxe; mañá será tarde".

Sinais de alarma

Algúns dos síntomas precoces máis comúns desta doenza dexenerativa son as perdas puntuais de memoria, dificultades para realizar tarefas familiares, problemas de linguaxe, desorientación espazo-temporal, problemas de pensamento abstracto ou cambios no humor, a conduta e a personalidade.

"As asociacións de todo o país estamos a traballar especialmente na prevención, porque hai evidencias científicas de que isto funciona e contribúe a mitigar os efectos da demencia", asegura Gey.

Malia que a diagnose é hoxe "máis rápida" que hai anos, destaca o "gran retraso nos tempos de valoración" que sofren as persoas doentes deste tipo de enfermidades mentais na Galiza: "Ten que haber unha estratexia de redución das listaxes de agarda da dependencia, e precisamos artellar un plan integral galego contra o Alzhéimer que abranga tanto a parte sanitaria como a social, que é igual de importante. As familias non poden responder a todo isto a nivel económico, e só sabemos que o camiño será duro e que as políticas encamiñadas a esta doenza se retrasarán".

Para Fagal, é fundamental que se impliquen na prevención todos os axentes, "desde os médicos da Atención Primaria, que fan a primeira valoración, até o persoal farmacéutico, que controla a medicación destas persoas e recibe moitas visitas delas".

Os efectos da pandemia

A pandemia da Covid-19 agravou a situación das persoas con enfermidades dexenerativas, que viron minguada a súa calidade de vida: "O confinamento e a escasa vida social provocaron un aumento do deterioro cognitivo. Algunhas familias acoden aos recursos residenciais porque están saturadas e non saben como abordar esta problemática", afirma Isabel Gey.

Aliás, considera que as galegas e galegos que viven no rural teñen maiores dificultades pola falta de servizos. "Nesta etapa de nova normalidade intentaremos pór en marcha todas as actividades físicas, sociais e de concienciación que tiñamos, e achegarémolas ao rural", di.