Desprazan 5 helicópteros aos Ancares cando o lume estaba extinguido para acompañar a visita da conselleira

Denúnciao a CIG, que lembra que estes aparatos son de empresas privadas. Calcula que o custo por hora oscila entre os 2.833 euros dun Sokol aos 1.695 euros dun B3, ao que hai que engadir os 1.500  que custa alzar o voo de calquera helicóptero.

A visita da conselleira de Medio Rural ao Concello de Cervantes implicou o desprazamento de varias brigadas e de 5 helicópteros, e pesar de que non ficaban incendios activos na zona. Denúnciao a sección sindical da CIG da xefatura territorial de Medio Rural en Lugo. A central sindical lembra que os helicópteros empregados na extinción dos incendios forestais non son medios propios da administración, senón de empresas privadas ás que se lle paga polas horas de voo. “O custo por hora, oscila entre os 2.833 euros dun Sokol aos 1.695  dun B3. Aos que hai que engadir os 1.500  euros que custa alzar o voo de calquera helicóptero”.

 

"Non hai orzamento para manter operativo un servizo público básico durante todo o ano, nin sequera durante os días máis perigosos do ano, pero si que hai orzamento para desprazar a Cervantes o 18 de outubro brigadas de todo o distrito Becerreá-Ancares e dos distritos Lugo-Sarria e Terra Chá, cando non quedaba ningún incendio forestal activo nesa zona", denuncia Azucena Gavín, secretaria da Sección Sindical da CIG.

 

Apunta a representante sindical que tamén se desprazaron á zona 5 helicópteros desde as bases de O Marroxo (Monforte), San Xoán de Río, Toén, Portomarín e Silleda "a botar auga sobre as cinzas molladas".

 

"Malgasto"

 

Gavín cualifica de "pouca vergoña" que a conselleira" visite unha das zonas máis devastadas polos lumes "cando non queda máis que cinza e desolación" e que isto supoña, ademais, un “malgasto” de diñeiro público que vai parar "a empresas privadas que se lucran dos incendios forestais".

 

Nos últimos anos quedou demostrado que a época de alto risco de incendios forestais non se circunscribe exclusivamente aos meses de verán, sinala a CIG, mais a Consellaría despediu o pasado 28 de setembro a 450 bombeiros forestais.