Primeiro trimestre do ano

Os desafiuzamentos soben na Galiza un 93% mentres as denuncias por ‘okupación’ caen en 50% e suman só 11 demandas no primeiro trimestre

Concentración contra o desafiuzamento de familias en Vigo nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

Os casos ingresados sobre cláusulas chan aumentaron un 96 % e descenderon un 34 % os pendentes en trámite.

O número de lanzamentos practicados na Galiza no primeiro trimestre do ano experimentou un aumento do 9,2 % respecto ao mesmo período de 2020, ao pasar de 426 a 465. Deles, 106 producíronse como consecuencia de procedementos de execución hipotecaria, fronte aos 55 que se realizaron por este motivo en 2020, o que supón unha subida interanual do 92,7 %.

 Debido a procedementos derivados da Lei de Arrendamentos Urbanos, rexistráronse 352, un 1,7 % menos que no período anterior, cando se contabilizaron 358. Os lanzamentos enmarcados no apartado doutras causas pasaron de 13, o ano pasado, a 7 nos tres primeiros meses de 2021. 

No conxunto do Estado, os lanzamentos executados no primeiro trimestre subiron un 13,4 % respecto ao mesmo período de 2020, segundo o informe ‘Efectos da crise económica nos órganos xudiciais’, feito público esta segunda feira pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial. Á hora de interpretar os datos hai que ter en conta a declaración do estado de alarma, o 14 de marzo de 2020, o que implicou a paralización dos prazos procesuais desde ese día. 

As execucións hipotecarias iniciadas en Galiza entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2021 subiron un 15,2%. Nos tres primeiros meses do ano presentáronse 189 procedementos que permiten esixir o pagamento das débedas garantidas por peza ou hipoteca ao acredor, fronte ás 164 do ano anterior.

O número de asuntos relacionados con cláusulas chan ingresados nos xulgados galegos aumentou no primeiro trimestre do ano un 96,38 %, ao pasar de 636 a 1.249. Os procedementos en trámite descenderon un 33,89 %, pois ao 31 de marzo quedaban pendentes 4.768, fronte aos 7.213 sen finalizar que había na mesma data do ano anterior. 

O estudo, ademais, reflicte que no primeiro trimestre de 2021 os xulgados galegos ingresaron 11 demandas por ocupación ilegal de vivendas en casos nos que os propietarios son persoas físicas, entidades sen ánimo de lucro ou entidades públicas posuidoras de vivenda social, fronte ás 24 do período anterior. En total, entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2021, resolveron 12 procedementos deste tipo e deixaron 50 en trámite. 

Segundo a estatística feita pública, o número de concursos presentados nos xulgados do mercantil galegos aumentou con respecto ao ano pasado, pois pasaron de 80, no primeiro trimestre de 2020, a 99, o que supón un aumento do 23,8 %.

Na Galiza contabilizáronse no primeiro trimestre do ano 10 expedientes do artigo 64 da Lei Concursal, relativos á modificación substancial das condicións de traballo de carácter colectivo (ERE’ s), fronte aos 19 do mesmo período de 2020.

As 1.379 demandas por despedimento interpostas nos xulgados do social entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo de 2021 supoñen un descenso interanual do 1,1 %, fronte ao incremento do 12,6 % rexistrado de media estatal.