Varias persoas resultaron feridas na carga policial contra as persoas defensoras do CSOA A Insumisa que intentaban recuperar este centro social da Coruña, que horas antes fora despexado pola Policía Local, poñendo fin así a máis de ano e medio de autoxestión e asemblearismo no que popularmente se coñecía como Campo da Estrada. Segundo diversos medios, resultaron feridas dúas persoas que apoiaban o CSOA, un policía e un cámara de TV.
A carga tivo lugar após que dúas rapazas conseguisen acceder até o tellado da Insumisa e desde alí dar maior visibilidade ao protesto contra o despexo deste espazo do común. O avogado de A Insumisa anunciou que van recorrer o desaloxo por entender que este decorreu sen se esgotar o prazo legal e sen avisarllo á persoa que debía ser notificada. O goberno de Marea Atlántica indicou que os okupas recibiron a notificación de despexo o 27 de abril e que tiñan oito días para facelo voluntariamente.
Los okupas intentan volver a entrar en Metrosidero. Carga policial en A Insumisa pic.twitter.com/eeoO6NWGl2
— Elena López (@Elelopezf) 23 de maio de 2018
A Insumisa comezou a actuar a finais de 2016, cando un grupo de persoas ocuparon a antiga Comandancia de Obras, que fora utilizado polo exército español mais levata tempo en desuso e abandono. Mediante a autoxestión e o asemblearismo, este espazo realizou toda una manchea de actividades, desde concertos até obradoiros e clases.
Desde Marea Atlántica afirman nas redes sociais que "o que vivimos hoxe é un sinal de fracaso colectivo. Hoxe foi un día escuro, que condenamos e lamentamos. Hoxe hai persoas feridas polas que nos preocupamos e porque falou a forza e non o diálogo, que desde a Marea Atlántica buscamos dende o inicio".
“Que mellor nome para un cuartel okupado”
LUZES Urxente: unha ferida por golpes da policía no desalojó da Insumisa. pic.twitter.com/B16jk3kYxL
— manuel rivas barrós (@Rivasbarrs) 23 de maio de 2018
A Insumisa tomou o seu nome dun movemento antimilitarista que axudou a acabar coa mili no Estado a finais dos noventa. “Que mellor nome para un cuartel ocupado”, di unha das mozas habituais do “espazo” nesta crónica publicada en Sermos Galiza en xuño de 2017.
A Insumisa era un gromo nesa tradición libertaria que A Coruña ten no seu ADN como cidade. E que abroullou ao longo da súa historia en mil e un proxectos,desde ateneos até sindicatos de mariñeiros, pasando por escolas e, tamén, por centros sociais autoxeridos.