Novo desprezo ao patrimonio galego no recinto arqueolóxico de Aquis Querquennis

Conxunto arqueolóxico de Aquis Querquennis. (Foto: Turismo da Galiza)
Os colectivos que pulan pola defensa do patrimonio galego afirman que existe unha evidente desprotección institucional por parte da Xunta.

A Asociación para a defensa do Patrimonio Cultural Galego vén de denunciar un novo desleixo ao patrimonio galego, ocorrido no recinto arqueolóxico de Aquis Querquennis, no concello de Bande.

Nunha publicación nas súas redes sociais, a asociación protestou polo acto dun usuario de Instagram que tirou unha foto enriba dun dos arcos que aínda quedan intactos do complexo arqueolóxico.

O colectivo cuestionou o motivo que leva a moita xente a levar a cabo este tipo de actos "se hai carteis que indican que non se pode subir aos monumentos".

A publicación axiña se encheu de reaccións negativas dos seguidores da asociación, na liña da súa denuncia, criticando a "inconsciencia" do usuario de Instagram, xa que ademais de poder provocar danos nun conxunto histórico protexido, atopábase a catro metros de altura, polo que unha caída podería ter provocado consecuencias fatais. 

Desprotección institucional

Non é nin moito menos a primeira vez que ocorren este tipo de desleixos. Varias veciñas de Santiago de Compostela denunciaron en xaneiro que unha tala forestal da Xunta estaba a provoca unha grave afectación no castro de Bargo.

As denunciantes compartiron varias imaxes nas que se poden ver restos de utensilios castrexos e romanos entre os sucos da maquinaria empregada paa repoboar a zona, actividade prohibida nas proximidades a zonas protexidas como o castro. 

Os colectivos levan anos a criticar a "pasividade" e, en moitos casos, a conivencia das institucións á hora de levar a cabo unha protección efectiva do patrimonio galego.

Para as asociacións, a excesiva burocracia de Patrimonio Cultural, órgano dependente da Xunta da Galiza, acaba repercutindo enormemente en que os desleixos e as agresións a estes restos arqueolóxicos acaben resultando impunes.