Galiza, o noveno territorio máis desigual do Estado

A desigualdade dispárase na Galiza desde 2009

Unha persoa pedindo nunha rúa de Compostela. (Foto: Arxina)
A desigualdade social non deixa de medrar na Galiza desde a chegada de Núñez Feixoo á presidencia do Goberno galego. Se á volta de 2008 era o cuarto territorio con maior igualdade do Estado, unha década despois pasou a ser o noveno máis desigual. As políticas públicas explican parte do acontecido.

O índice de Gini é o indicador de referencia para medir a desigualdade. Existen outras fórmulas para determinar o alcance das diferenzas entre a distribución da renda, como a familia de índices de Theil ou Atkinson que, engadindo parámetros variábeis, permiten cálculos que teñen en conta a posibilidade de descomposición e mesmo superan o índice de Gini en propiedades específicas. Segundo algúns autores, como os economistas Luis Ayala, Antonio Jurado ou Jesús Pérez Mayo, a isto ten contribuído a “súa doada interpretación numérica e gráfica”.

O coeficiente de Gini, ideado polo estatístico italiano Corrado Gini, emprégase para determinar a desigualdade dos ingresos mais pode servir para analizar calquera forma de distribución desigual no interior dunha sociedade. Así, o coeficiente de Gini é un número entre 0 e 1, onde 0 correspóndese coa igualdade perfecta, con todas as persoas cos mesmo ingresos, e 1 coa desigualdade máxima, onde unha persoa ten todos os ingresos e os demais ningún. Así, o coeficiente calcúlase como unha proporción de áreas no diagrama da curva de Lorenz, até o punto de poder sinalar de maneira resumida que a curva é unha gráfica de concentración acumulada da distribución da riqueza superposta á curva de distribución de frecuencias dos individuos que a posúen.

A desigualdade non deixa de medrar na Galiza desde a chegada á presidencia da Xunta de Alberto Núñez Feixoo. Á volta de 2008, o último ano do Executivo bipartito á fronte do Goberno galego, o índice de Gini sitúase en 0,284 e a desigualdade na Galiza era inferior á media estatal. Mais 10 anos despois, en 2018, o índice de Gini alcanzaba 0,305 e Galiza avanzaba posicións entre os territorios máis desiguais do Estado. Aínda así, as diverxencias na distribución na renda están por debaixo do conxunto estatal, tendo sinalado ao respecto o economista da Universidade de Vigo David Soto que “unha das explicacións máis convincentes a esta mellor igualdade da distribución da renda galega é o maior peso que teñen as pensións na Galiza con respecto ao Estado”.

“As pensións na Galiza, malia seren das máis baixas do Estado teñen un efecto atenuante das desigualdades sociais”, sinala Soto, mentres lembra que “entre pensionistas hai unha menor igualdade na distribución engadida dunha rexión. De aí que Galiza, que ten unha das taxas máis altas de envellecemento, vexa corrixida a súa desigualade”. Porén, os niveis de desigualdade na Galiza son moi elevados seguindo o patrón do Estado español, un dos espazos máis desiguais da Unión Europea, xeralmente só superada por Bulgaria e Lituania, e, nalgunha ocasión por Romanía e Letonia. Segundo os datos de Eurostat para 2017, no Estado español o 20% das persoas máis ricas dispón de 6,6 veces máis que o 20% máis pobre.

Galiza, noveno territorio en desigualdade en 2018

As cifras ofrecidas por Luis Ayala, Antonio Jurado e Jesús Pérez Mayo no seu traballo Diferencias de igualdad y bienestar en las regiones españolas, publicado nun informe sobre a desigualdade editado pola Fundación Alternativas, non deixan lugar a dúbidas. Atendendo aos datos do índice de Gini, afirman que en 2008 a Galiza é o cuarto territorio con maior igualdade do Estado español, só presentando unha distribución mellor da renda Nafarroa, Aragón e A Rioxa. A alza da desigualdade neste período camiñou da man da caída das rendas de traballo, que pasan de representar 48,1% do PIB á volta de 2019 a significar 55,9% en 2019.

A situación é moi diferente após os anos de Goberno de Feixoo. Así, os datos do índice de Gini informan que en 2018 Galiza foi o noveno territorio con menor igualdade do Estado español, empatado con Estremadura e por diante de Nafarroa, Aragón, Euskadi, Asturias, Castela e León, Catalunya e A Rioxa. A desigualdade na Galiza ten medrado notabelmente durante o período máis intenso da crise e cun ritmo inferior nos anos posteriores. Porén, a diferenza do acontecido en boa parte dos territorios do Estado, onde se observa unha redución da desigualdade a partir de 2014, o seu crecemento non se vai deter ao longo de toda esta etapa.

A perda do poder adquisitivo dos traballadores e dos pensionistas explica parte desa situación. Segundo os datos fornecidos polo Instituto Galego de Estatística, os salarios caeron na Galiza de maneira consecutiva entre 2009 e 2014 até sumar unha baixa de 11,3% e a súa alza a partir de 2015 foi moi inferior á da media estatal. Así de 2015 até 2019 os salarios aumentaron na Galiza en 15,6%, mentres que no conxunto do Estado a alza foi de 20,4, o que agudizou aínda máis a fenda salarial.